O “Plan estratéxico” da Agricultura Ecolóxica da Xunta, feito á medida das grandes empresas e distribuidoras

Entre a “choiva” de millóns atópanse partidas orzamentarias para accións xa existentes, como a incorporación de moz@s e as axudas agroambientais

As espectaculares cifras das que presumen goberno autonómico e directiva do CRAEGA agochan a entrada da grande industria no “negocio”, así como a mais que cuestionábel inclusión da acuicultura entre as actividades a certificar polo CRAEGA.

Compostela, 30 de maio de 2018.- Xunta e CRAEGA veñen de apresentar publicamente o que se eles mesmos definen como un “avance” do que será un presunto “Plan Estratéxico da Agricultura Ecolóxica de Galicia”. Do mesmo o sector, ou cando menos os e as produtoras ecolóxicas galegas que facemos parte do Consello Regulador non tivemos a día de hoxe coñecemento algún e, polo tanto, participación algunha na sua elaboración, aínda que desde hai mais de un ano distintos meios de comunicación teñen recollido titulares nos que se falaba da súa inminente posta en marcha.

Así, do avanzado polo Presidente da Xunta, resulta que boa parte das medidas que se anuncian como innovadoras xa estaban recollidas en distintas actuacións e convocatorias ordinarias de axudas xa existentes, como os planes de incorporación de mozos e mozas a actividade agraria, ou as axudas agro-ambientais, polo que a chuvia de millóns anunciada podería quedar en orballo, no mellor dos casos, especialmente no que ten a ver con o sector produtivo.

Un sector entendido en clave de “volume de negocio”

Novamente, e na liña habitual da Xunta e da dirección do CRAEGA, apresentase a produción ecolóxica como unha oportunidade de negocio á que é necesario atraer investidores e investidoras, e ahí é onde nos tememos poda ir boa parte dos cartos públicos que a Xunta destine ao sector. De feito tanto o Consello como a administración autonómica téñense gabado nos últimos tempos do grande auxe de sectores como a produción leiteira ecolóxica e a avicultura, dous sectores da produción animal en maos de dúas grandes empresas, como son Bessnier e Coren, entendemos que destinatarios finais das axudas que agora se anuncian. Se a iso engadimos a falta de atención aos pequenos e pequenas produtoras, maiormente do sector vexetal, os grandes despregues de meios para promocionar as producións galegas nos mercados internacionais (onde só poden acceder unhas poucas empresas transformadoras), e o empeño en promover e dirixir a comercialización a través das grandes compañías multinacionais da alimentación, e o peso cada vez maior que ten un sector tan “agrario” como é a acuicultura, obtemos un claro debuxo de cal é a liña de traballo da dirección do CRAEGA, e o ridículo papel que están a xogar os nosos representantes no Consello.

Falla de democracia e de información

É que no CRAEGA xa se tomou como habitual anovar a dirección evitando pasar polos pertinentes procesos electorais, algo que desde a FRUGA xa temos abondo denunciado. É mais, o actual presidente presumía, nunha entrevista publicada na revista oficial do Consello, que fora o seu predecesor quen lle propuxera facerse cargo da presidencia, todo isto con antelación e nen tan sequera terse iniciado o paripé de proceso eleitoral que rematou nun reparto de postos sen o paso polas urnas. Estas declaracións que non por penosas son menos graves poñen en evidencia ao consello no seu conxunto e retratan aos e às vogais que se supón nos representan no mesmo como simples “palmeiros” do bochinche.

Que os e as integrantes do CRAEGA non teñamos recibido información algunha sobre este Plano, realmente non nos colle por sorpresa: é a tónica dominante. Se agardamos a que esta chegue a través da publicación periódica que o Consello nos envíe a casa, haberá que buscala entre foto e foto da sr. Conselleira do Medio Rural, figura omnipresente na maior parte do material gráfico que acompaña á publicación.

Desde a FRUGA entendemos que a produción ecolóxica na Galiza ten que servir para fixar poboación no rural, para fomentar unha outra forma de producir e de vivir no rural, para desenvolver unhas outras relacións económicas mais xustas e humanas, para dar dar unha mellor alimentación á nosa poboación. Isto non vai só de millóns de euros de negocio, nen de milleiros de hectáreas: vai de xente, vai de alimentación e vai de saúde. Estas deberan ser as claves nas que se mova calquera plan estratéxico para o noso sector, mais o que se pretende promover está claro que outra cousa: repartir entre os que xa teñen abondo, precisamente a costa do noso traballo.