Entidades e colectivos que promoven a ILP por outro modelo de xestión do monte galego entregamos 42.328 sinaturas no Parlamento Galego

É unha das ILPs de natureza ambiental máis apoiadas da historia do autogoberno galego.

 

Compostela, 22 de xuño de 2018,

 

Representantes da Comisión Promotora da ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais, e dos máis de 60 colectivos que facemos parte da rede “Cousa de Raíces” en defensa do bosque galego, vimos de entregar este venres 22 na Xunta Eleitoral de Galiza as 42.328 sinaturas acadadas en apoio da iniciativa.

 

Ante todo, queremos agradecer aos milleiros de cidadás e cidadáns os avais acadados, que multiplican por 4 o mínimo legal para tramitar a lei no Parlamento. Trátase dunha das ILPs ambientalistas máis apoiadas na historia do noso autogoberno, superando en sinaturas recollidas á ILP en defensa dos ríos (aprobada en 2006) e a máis recente a favor da reciclaxe (rexeitada en 2013). É tamén a terceira ILP forestal en menos de 30 anos, feito que unido ao extraordinario apoio cidadán acadado pola presente proposta, dá conta da preocupación e o compromiso que a defensa dos nosos bosques desperta na sociedade galega.

A ILP dos bosques, sexa ou non aprobada, xa acadou un dos seus obxectivos: implicar a milleiros de persoas por todo o país e a centos de colectivos e entidades de diversas sensibilidades (social, ecoloxista, sindical, cultural, produtiva, política) en defensa dos nosos bosques. Persoas e colectivos que asumiron como propios as mensaxes e os obxectivos desta Proposición de Lei, que dende que foi presentada hai 6 meses, divulgouse en ducias de actos públicos por todo o país.

Conquerimos tamén levar á rúa un debate que até o agora semellaba tabú, sobre todo en ámbitos rurais: o monocultivo do eucalipto como problema de país, e rachar coa “omertá” de anos imposta por ENCE e os seus valedores políticos. A ILP logrou espertar a reflexión e o debate sobre a expansión descontrolada do eucalipto en eidos como algúns concellos, entidades produtivas, de investigación, etc. nos que semellaba estar sacralizado. Conseguiu remexer conciencias de aquí e de acolá, chegando a situar a problemática forestal galega nas axendas políticas locais, do estado e da UE. De paso, obrigou tamén á Xunta a mirar de fronte cara a unha problemática ambiental, social, cultural, e mesmo económica, que até o de agora facía que non vía: de súpeto, o goberno de Núñez Feijoo lembrou que había unha lei de montes e unha lei galega de prevención de incendios que tiña que cumprir e facer cumprir.

Coas máximas de defender o bosque galego, frear a expansión do eucalipto, favorecer un monte diverso e multifuncional e loitar contra os incendios forestais, esta ILP chega ao Parlamento para reclamar ao Partido Popular e ás forzas da oposición que devolvan a dignidade ao rural, e procuren un futuro sustentábel para os montes e os bosques de Galiza. Agardemos que por terceira vez, non lle volvan a dar as costas.