As carencias de persoal e medios en distintas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC), entre elas algunha da Comarca de Valdeorras, están a provocar deficiencias nos servizos prestados.

AGV-FRUGA ve imprescindíbel que, con carácter urxente, se dote ás OAC de Galiza dos medios e persoal que a Conselleira de Medio Rural xa estaba estudiando no ano 2017.

Ourense, 2 de xullo de 2018.- Na segunda metade do ano 2017 a Conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, manifestaba publicamente que o seu departamento estaba estudiando dotar de máis medios e persoal ás Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) de toda Galiza, co fin de mellorar as súas prestacións, xa que entendía que representan “un servizo imprescindible para os gandeiros e agricultores”. Alardeaba que a esas alturas xa se tiñan incorporado 24 persoas máis ó cadro de persoal das 67 OAC existentes en Galiza. E anunciaba que a intención da Consellería do Medio Rural era “continuar nesa liña”.

As oficinas agrarias comarcais (OAC) están integradas na estrutura territorial da Consellería do Medio Rural, a través das respectivas xefaturas territoriais e dependen organicamente dos responsables destas.

Sinalemos que as oficinas agrarias comarcais (OAC) teñen como función a execución das actuacións de Consellería do Medio Rural en materia agraria, así como a de prestar apoio técnico e administrativo ós agricultores e gandeiros. E que dentro dese apoio está tanto o asesoramento, como o facilitar os trámites administrativos en: axudas, subvencións de plans de mellora ou de incorporación de xoves, tramitación da PAC, xestións vinculadas ó Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), ou o Rexistro Vitícola de Galicia.

Un bo asesoramento dende as OAC, ós e ás titulares das explotacións, e a axilidade no mesmo son fundamentais á hora de tramitar a solicitude de axudas para que estas poidan cumprir os requisitos requiridos e entrar en “prazo”.

Case un ano despois das promesas da Conselleira do Medio Rural, a Asociación Galega de Viticultura (AGV – FRUGA), a través dos seus asociados, segue a detectar carencias de persoal e recursos en distintas OAC ó longo do País. Carencias que están a provocar deficiencias nos servizos prestados dende as mesmas, e os consecuentes prexuízos ós viticultores, agricultores e gandeiros afectados polas mesmas.

Nesta situación atópase algunha OAC da Comarca de Valdeorras, onde os viticultores e agricultores da zona están a manifestar o seu malestar, e preocupación, polas deficiencias do servizo prestado que lles provoca que para realizar un trámite se teñan que desprazar máis dunha vez á mesma, por ausencias da súa titular ou por sobrecarga de traballo desta, o que implica retrasos na tramitación dos seus expedientes e non poder cumprir os prazos esixidos nas convocatorias, cos correspondentes prexuízos para os e as titulares das explotacións. Diante desta situación, e para buscar solucións, chegan a ter que desprazarse a outras OAC para realizar consultas ou tramitar a documentación.

Por elo dende a AGV esíxese á Conselleira de Medio Rural que a anunciada dotación de “máis medios e persoal” para as OAC, que fixo fai xa case un ano, se leve a cabo con carácter urxente. De xeito que dende todas e cada unha delas se preste a atención, e os servizos, que o sector require para o seu desenvolvemento, e que son “…imprescindibles para os gandeiros e agricultores” en verbas da propia Conselleira.