A Fundación Francisco Franco denuncia 19 persoas por reclamar a devolución do Pazo de Meirás

Entre as persoas denunciadas encontrase Manuel Da Cal, Coordinador da FRUGA.

 

O dia 30 de agosto de 2017 un grupo de persoas demócratas e galegas, de diferentes sectores sociais, todas elas militantes nacionalistas, mas que tamén ostentaban a condición de ser sindicalistas da CIG e da FRUGA como o noso compañeiro Manuel Da Cal, activistas sociais, culturais , da memoria, participaron nunha acción pacífica e simbólica para reclamar a recuperación para o patrimonio público galego do pazo de Meirás, así como de todo o patrimonio espoliado polo ditador Francisco Franco, para o que se procedeu a despregar dúas faixas no propio pazo de Meirás.

Posteriormente, a partir dunha notificación xudicial do Xulgado de Betanzos, tívose coñecemento de que 19 persoas foran denunciadas pola Fundación Francisco Franco. Os delitos dos que lles acusa esta fundación, así como os familiares do ditador, son os de “Violación de morada”, “Delito contra o honor”, “Danos”, e “Delito de odio” (todo un sarcasmo). As penas ás que se enfrontan estas persoas están como mínimo entre 3 anos e 6 meses, mas poderían chegar até os 13 anos de prisión para cada unha das persoas denunciadas, para alén dunha multa por unha cantidade indeterminada.

Despois de coñecida esta denuncia, iniciouse unha campaña de solidariedade coas 19 persoas afectadas, coñecida como “19 de Meirás. Solidariedade”, mediante a recollida de sinaturas ao manifesto que se pode encontrar na páxina web: 19demeiras.wordpress.com.

Desde a FRUGA facemos un chamamento a todas as persoas, colectivos e institucións que achen estas acusacións inxustas e inadmisíbeis a que mostren o seu apoio con estas 19 persoas inxuriadas polo franquismo recalcitrante, non soamente como mostra de solidariedade, senón tamén como defensa da democracia.