De novo o sector vitícola galego indefenso, neste caso perante a aparición de enfermidades nas súas viñas.

A Asociación Galega de Viticultura -FRUGA demanda da Consellería do Medio Rural asesoramento técnico para facer fronte aos ataques de míldio e Black rot.

 

Ourense, 10 de agosto de 2018. A climatoloxía é un dos factores determinantes e limitantes da actividade agraria. Nos últimos anos estamos a padecer as grandes flutuacións que se están a dar no clima que afecta a Galiza, así pasamos de épocas de grande escaseza de auga a outras de abundancia, ou pasamos de días con calor extremo de mais de 40 graos a días con temperaturas por baixo dos 20 en menos de unha semana.

Un ano mais, en concreto no que ten a ver coa viticultura, os factores climáticos téñense cebado con este sector produtivo. A finais de abril do 17 o que se padeceu foi unha forte xeada que minguou a produción de amplas zonas vitícolas da Galiza, pela contra este ano os efectos veñen determinados pola tardanza na floración e pola presencia masiva de míldio e do fungo coñecido como Black rot.

Este ano combináronse dous factores, por un lado unha primavera chuviosa e con temperaturas mais baixas do habitual o que causou atraso da floración, e un mes de xullo caracterizado pola suba das temperaturas e ambiente humedo, condicións propicias para a propagación de enfermidades, como o míldio e o Black rot, factores que de novo ten provocado grandes perdas de produción nas distintas zonas vitícolas galegas.

A estes factores xúntaselle o estado de abandono no que se encontran algúns viñedos, sobre todo nas zonas mais afectadas polo abandono da actividade agraria, xa que as viñas abandonadas son un foco de infección e polo tanto de propagación do Black rot. Sábese que non habendo un tratamento especifico para combater este fungo a mellor alternativa é manter estes viñedos limpos, polo que desde a AGV-FRUGA pedímoslle a administración galega que cumpra e faga cumprir as súas propias normativas relativas ás fincas abandonadas.

Esta situación está levando a un estado de desesperación nos viticultores e viticultoras o que está sendo aproveitado pelas casas comercias de produtos fitosanitarios para facer o seu agosto, perante a total indiferenza da Consellaría do Medio Rural.

Xa no pasado mes de xullo desde a AGV-FRUGA denunciamos a falta de persoal nas Oficinas Agrarias Comarcais da Consellería do Medio Rural, e con ocasión de nos encontrar indefensos e indefensas perante a gravidade destes ataques de novo voltamos a demandar da administración galega que poña a disposición dos e das viticultoras os medios técnicos e humanos que nos permitan acceder aos coñecementos técnicos para poder enfrontar da mellor maneira posíbel os ataques de míldio e de Black rot.