A Federación Rural Galega – FRUGA apoia a mobilización de axentes forestais e ambientais da Xunta de Galiza, e en concreto a manifestación a celebrar mañá en Vigo.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2018. Vai facer un mes que o persoal funcionario das escalas de axentes ambientais e forestais da Xunta de Galiza ven desenvolvendo un calendario de mobilizacións en demanda de melloras nas súas condicións de traballo, sen que a administración galega teña mostrado a mais mínimo interese por negociar as propostas presentadas polas organizacións sindicais promotoras das mesmas, CIG e UGT.

As organizacións convocantes están a denunciar que por parte da Dirección Xeral de Función Pública se persigue a división do persoal deste servizo creando un “persoal de primeira” con cobro de produtividades e outro de “segunda” con perda de garantías e condicións laborais, tamén se denuncia a intención de desmantelar este servizo público, aparte de criticar a imposición de uns servizos mínimos desmobilizadores e torticeiros que chegan ao 100%.

Débese ter en conta que este persoal ten entre os seus cometidos a coordinación técnica da extinción dos incendios forestais de Galiza, así como a xestión e o control do patrimonio forestal, mas tamén a custodia e control das especies en perigo de extinción e dos espazos naturais protexidos.

Encontrándonos, nestes momentos, en pleno período de perigo de se producir incendios forestais é de unha irresponsabilidade total por parte da Xunta de Galiza manter este conflito aberto, cando o persoal deste servizo ten manifestado a súa disponibilidade para chegar a acordos en base ás súas reivindicacións, xa que como denuncian desde o día 14 de xullo o Comité de Folga non recibiu ningunha proposta de xuntanza.

Desde a FRUGA sumámonos aos motivos da convocatoria da manifestación a realizar o próximo día 22 de agosto en Vigo, porque facemos nosas as demandas por uns servizos públicos e de calidade que persiga que Galiza se dote de unha estrutura que teña de conta a todo o persoal que traballa na extinción de incendios e na protección xo medio ambiente, en definitiva por un medio rural galego vivo.