Desde a Asociación Galega de Viticultura – FRUGA dirixímonos á Consellería do Medio Rural para que convoque a primeiros de setembro unha reunión da Mesa do Viño de Galiza.

Defendemos que a mellor maneira de transmitir seguridade, no que ten a ver cos prezos, ao sector produtor é mediante o establecemento dos Contratos Homologados.

 

Ourense, 27 de agosto de 2018. Estase achegando o tempo da vendima e como todos os anos o sector produtor de uvas da Galiza encontrase perante a incerteza do que vai pasar con o prezo das súas uvas.

A vendima deste ano ven marcada pola mingua na produción como consecuencia dos efectos das enfermidades que este ano afectaron aos nosos viñedos, fundamentalmente o míldio, o black rot ou a posibilidade da aparición da botrite. En todo caso chove sobre mollado porque non podemos esquecer que a vendima do ano pasado xa estivo marcada por unha baixa produción, resultado das grandes xeadas de finais do mes de abril.

Desde a AGV-FRUGA moito nos tememos que os prezos que nos ofrezan este ano sexan iguais ou mesmo inferiores aos do ano pasado, co que a rendabilidade das nosas explotacións vitícolas veranse seriamente ameazadas, tras dous anos seguidos de baixas producións e prezos que non compensan os gastos aos que nos vimos obrigados a enfrontar para non perder toda a colleita, de non mellorar as ofertas de prezo que nos están a facer as adegas.

Perante da inseguridade que ano tras ano vimos padecendo cos prezos das nosas uvas estamos asistindo a un progresivo abandono de moitas viñas antes traballadas por persoas que non tiñan no cultivo da vide a súa actividade principal mas que contribuían co seu trallo a manter vivo o noso rural, situación que se está a dar moito nas zonas vitícolas do interior de Ourense e Lugo.

Nós somos da opinión que a mellor maneira de evitar esta inseguridade, así como os dentes de serra que se dan en case todas as producións agropecuarias, con épocas de prezos baixos seguidos de momentos puntuais de subas como consecuencia da falta de produto, dicimos que a mellor maneira de evitar esta situación é mediante o establecemento dos CONTRATOS HOMOLOGADOS.

Por iso nos diriximos á Consellaría do Medio Rural, dirixida pela señora Ánxeles Vázquez, para que convoque para primeiros de setembro a Mesa do Viño da Galiza para analizar a situación da vendima próxima e a implantación dos contratos homologados en todas a Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas da Galiza.