FRUGA solicita da Consellaría do Medio Rural que a amplíe o prazo de resolución das solicitude de Planos de Mellora.

Moitas solicitudes se poden ver afectadas por non dispor en tempo e forma da licenza municipal por cuestións burocráticas.

Lugo, a 5 de setembro de 2018. Unha boa parte das explotacións agrogandeiras galegas, que a día de hoxe teñen solicitados plans de mellora, atópanse na difícil situación derivada da tramitación destes expedientes, debido a que se precisa ter unha licenza de obra, e segundo a normativa da consellería do medio rural, esta ten que estar presentada antes do día 15 de Setembro do 2018.

Neste momento, moitos solicitantes non dispoñen da licenza municipal oportuna, como consecuencia de que para a tramitación se precisan informes sectoriais que ten que emitir a propia consellería do Medio Rural, ou ben a confederación hidrográfica, e nalgúns casos a dirección xeral de patrimonio, e noutros a consellería de Medio Ambiente. Os concellos non puideron tramitar estes expedientes porque non dispoñían dos informes sectoriais correspondentes, co cal a falta de menos de 10 días para que remate o prazo, os afectados non van poder tramitar as licenzas correspondentes, e como tal perderan a axuda dos plans de mellora, o que vai ocasionar a perda da axuda para facer fronte aos investimentos que necesitan enfrontar.

Desde a Consellería do Medio Rural, están a vender un día tras de outro, que as explotacións agrogandeiras galegas reciben importantes axudas para modernizar as súas instalacións ou para a compra de maquinaria e outro tipo de investimentos. O primeiro que ten que facer a propia consellería e non por trabas para que estas subvencións poidan chegar os seus destinatarios, co cal menos propaganda e mais efectividade.

FRUGA solicítalle á Consellería do Medio Rural, que se amplíe o prazo de tramitación destas axudas, que remata o próximo día 15 de Setembro, co fin de que ningún expediente de solicitude fique sen poder ser tramitado. As trabas burocráticas non poden deixar sen axuda as explotacións galegas. Estamos a falar dun problema alleo aos propios labregos e labregas solicitantes, e como tal debe ser resolto polas autoridades competentes.