PonteVedra, 13 de setembro de 2018. A Asociación Galega de Viticultura (AGV), co apoio da Deputación de Pontevedra, a colaboración dos concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa -que conforman a Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo- e da Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores ofrece un servizo de asesoramento aos viticultores da IXP Ribeiras do Morrazo.
Un dos obxectivos principais é que os propietarios e propietarias de predio a viñedo tomen conciencia da importancia de manter os datos do Rexistro Vitícola actualizados e, no caso de teñan que modificalos, poñer os medios e asesoralos para facilitarlle a tarefa.
Para iso, desde o pasado mes de agosto e até finais de ano, a Asociación Galega de Viticultura ten oficinas abertas en todos concellos que conforman a IXP Ribeiras do Morrazo para que todos os viticultores que o necesiten se acheguen a informarse sobre a actualización do Rexistro Vitícola Galego, do Prego de Condicións ou de calquera outra cuestión que teña que ver coa IXP Ribeiras do Morrazo.
Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura, fai un “balance moi positivo do camiño que se leva andado” desde que Bruxelas deu luz verde á creación da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo. Así mesmo, en relación ao contacto coas viticultoras afirma que “estamos comprobando que hai moito descoñecemento en relación á IXP e ao propio Rexistro Vitícola. Nós esforzámonos en facer chegar a mensaxe de que isto é unha oportunidade para activar a vida no rural”.
Paralelamente ao asesoramento ás persoas viticultoras estanse levando a cabo xornadas informativas e divulgativas en todos os concellos da IXP para explicar polo miúdo os procedementos da actualización do RVG e dar a coñecer os detalles do Prego de Condicións da IXP.
A Asociación Galega de Viticultura, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, vén continuando co apoio que mostrou aos viticultores desde que comezaron os movementos para a creación da Indicación Xeográfica Protexida.