FRUGA fai unha valoración dos cambios na Consellería do Medio Rural.

A ex-conselleira entrou con moitas gañas, mas co paso do tempo resultou un “bluff”, e do novo conselleiro esperamos que cumpra coa súa palabra.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2018. Perante o cambio de titular na Consellería do Medio Rural, FRUGA fai unha valoración sobre o papel da anterior titular Ánxeles Vázquez, e espera que o novo conselleiro cumpra os compromisos adquiridos cando era portavoz de Medio Rural do grupo parlamentario do PP de Galicia.

En primeiro lugar José González, cando representaba o partido popular na comisión de Medio Rural, manifestou a membros de FRUGA, que era partidario de cambiar o tema da representatividade sindical en Galiza. A día de hoxe esta está baseada nunhas eleccións celebradas no ano 2002, cun acordo posterior entre as organizacións participantes naquela convocatoria, que impide que actualmente todo organización creada con posterioridade non teña representación nos órganos e foros de interlocución agrarios, caso da Federación Rural Galega. Non entendemos como algunha organización creada con posterioridade pode estar representada en certos órganos, baixo o argumento, soamente, de que está baixo o paraugas dalgún organización estatal.

Desde a FRUGA esperamos que o compromiso adquirido polo actual conselleiro se leve a cabo na maior brevidade posible, e que a democratización do agro galego pase por unha convocatoria electoral para medir a representatividade de cada quen.

FRUGA valora negativamente o papel da anterior conselleira Ánxeles Vázquez, partindo da base de que empezou con gañas de cambiar moitos aspectos mas os seus resultados seguiron acentuando os problemas do sector agrogandeiro galego.

A última etapa na consellería do medio rural, caracterizouse por acentuar ese abandono masivo, que se vive nas aldeas galegas. Caída importante do número de ganderías lácteas, que viven cuns prezos similares os do 2015, sendo os mais baixos do Estado, e o mesmo tempo cun importante aumento dos custos de produción. Igualmente podemos dicir doutros sectores nos que se acabou con todo tipo de relación contractual que podía existir, como no do viñedo ou a pataca. As políticas desta consellería contribuíron decisivamente a fomentar a forestación de terras agrarias, tendo en conta que primaban os intereses dos lobys da madeira, fronte os intereses dos mais de 30.000 empregos directos que quedan a día de hoxe no agro galego.

Durante a etapa da ex-conselleira houbo unha importante caída da renda dos titulares das explotacións agrarias, traducíndose nunha falta de relevo xeracional. Por unha banda diminuíu a superficie agraria útil, e pola outra banda aumentou de forma considerable a superficie forestada con eucaliptos, vivíndose nalgunha estación do ano incendios de grandes magnitudes, como foi o caso do verán do 2017.

FRUGA pídelle ao novo titular da consellería un cambio nas políticas agrogandeiras, con fin de traballar na revitalización dos sectores agrarios e pecuarios, e o mesmo tempo que trabe o masivo abandono do rural galego. E para conseguir estes obxectivos precisase dialogo con tódolos axentes que neste momentos estamos a traballar no agro galego. Dialogo que se conseguirá coa participación de todas as organizacións actuais, sen ningún tipo de exclusión.