No agro galego sempre se realizaron traballos solidarios e en colaboración.
Cenlle, 28 de setembro de 2018. Estes días están a ser os días fortes da vendima en todas as zonas produtoras de uva da Galiza. En moitos casos este labor de vendimar realizase coa colaboración dos familiares do titular da viña e mesmo coa axuda dos veciños e veciñas, “hoxe vendimamos as túas viñas e cando rematemos, imos coas miñas”. Así é como se organiza a vendima en todas as zonas produtoras.
Esta práctica dáse, fundamentalmente, entre as explotacións consideradas como familiares, que son a maioría das que existen na Galiza, mas estes traballos colaborativos estanse a ver entorpecidos pola acción intimidatoria de inspectores de traballo que se están a persoar nas viñas onde se está vendimando, acompañados nalgúns caso, da Garda Civil, solicitando a identificación de todas e cada unha das presentes na viña. Posteriormente todas elas vanse ver obrigadas a se desprazar até a inspección de traballo co obxecto de xustificar a súa condición de colaboradores, o que pode dar lugar a que o titular da viña se teña de enfrontar cunha proposta de sanción.
Relata algunha das persoas afectadas por estas inspeccións, que perante a resposta de que son familiares, amigos ou veciños do titular da viña, mesmo chegan a preguntar onde é que comen. Si a resposta é que xantan na casa do dono da viña, esta comida pode ser considerada como unha retribución en especie, o que explicaría unha relación laboral, podendo dar lugar a sanción.
Desde a Asociación Galega de Viticultura (AGV) non estamos por amparar irregularidades, como que traballadores temporais pasen por persoas colaboradoras en detrimento dos seus dereitos laborais, mas si reclamamos un trato diferenciado para estes casos de traballo de tipo colaborativo que sempre se deron no agro galego.
No agro galego véñense realizando traballos solidarios e en colaboración desde sempre. En tempos pasados foran as mallas, mas tamén infraestruturas comunitarias como as traídas de auga ou as fontes e os lavadoiros, por citar algúns. Xa en épocas mais recente pódese citar o ensilado de herba e do millo, e séguense facendo de xeito comunitario labores como as matanzas, as vendimas ou a recollida das patacas, entre outros. Os galego e as galegas somos un pobo solidario e nada individualista, pese ao que digan os tópicos.
Por este motivo, dada as especias características do traballo en común, desinteresado, solidario e de colaboración social, desde a Federación Rural Galega, reclamamos do goberno galego que habilite todos os mecanismos que sexan necesarios para que esta realidade teña cabida no ordenamento xurídico e, deste xeito, evitar calquera tipo de sanción, que teña como orixe este motivo.
Neste sentido a Asociación Galega de Viticultura, vai solicitar unha reunión co subdelegado provincial de Ourense para tratar deste asunto