A delegación da AGV pedíulle ao subdelegado que non se aplicara ningún tipo de sanción, como resultado das inspeccións realizada na presente vendima.
O pasado 5 de outubro, a Asociación Galega de Viticultura, integrada na Federación Rural Galega -FRUGA, reuniuse co Subdelegado do Goberno de España en Ourense para tratar con carácter de urxencia o acoso que están sufrindo os viticultores e viticultoras de Ourense por parte do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social a través das inspeccións de traballo durante a presente vendima.
Estas inspeccións teñen un carácter intimidatorio e atacan a forma tradicional de traballo colaborativo e solidario do rural galego. Tanto é así, que algunha das persoas afectadas por estas inspeccións relata que perante a resposta de que as persoas traballadoras son familiares, amigos ou veciñas da persoa titular da viña, mesmo chegan a preguntar onde é que comen: se a resposta é que xantan na casa do dono da viña, esta comida pode ser considerada como unha retribución en especie, o que explicaría unha suposta relación laboral e por en consecuencia, unha sanción.
Desde a Asociación Galega de Viticultura non estamos por amparar irregularidades, como que traballadores temporais pasen por persoas colaboradoras en detrimento dos seus dereitos laborais, mais si reclamamos un trato diferenciado para estes casos de traballo de tipo colaborativo e solidario que sempre se deron tradicionalmente no agro galego na vendima, ensilado, recollida do millo, malla etc.
No transcurso da reunión, Xurxo Álvarez, presidente da FRUGA, e Marcos Reboredo, viticultor de Ourense, pedíronlle ao Subdelegado que garantira que non vai haber sancións por este tipo de colaboracións despois das inspeccións da presente vendima. Así mesmo, tamén se lle solicitou que se estudara a actual normativa laboral vixente para que contemplara o traballo en común, desinteresado, solidario e de colaboración social. Na mesma liña, os representantes da AGV transmitíronlle a Emilio González a necesidade de facilitar a contratación para traballos tan específicos, curtos e puntuais como pode ser a vendima.