A Consellería desmantelou a Mesa do Leite en beneficio das industrias. Cando existía tiñamos dos prezos mais altos da UE.
Lugo, 17 de outubro de 2017. Os beneficios das 5 principais industrias lácteas que operan en Galiza, durante o ano 2017 aumentaron considerablemente, gañaron 30 millóns de euros, un 15% mais que o ano anterior. En cambio os prezos que lles pagaron os produtores de leite galegos seguen a ser os mais baixos do estado español, e os mais baixos das principais rexións leiteiras da Unión Europea. Actualmente os beneficios das explotacións lácteas galegas son escasos, por non dicir nulos na maior parte dos casos. Evidentemente que os importantes beneficios das industrias, que nalgún caso estamos a falar de 15 millóns de euros, son a conta de pagar o leite a prezos que non cobren os custos de produción, os cartos que tiñan que ir destinados a conseguir un prezo do leite sostible van parar as arcas das principais industrias leiteiras que operan en Galiza.
Fai tres anos aproximadamente, que varias organizacións lácteas, entre elas UPA-Unións Agrarias e Asaja asignaban en Madrid o acordo de sostenibilidade, que intentaba evitar os desequilibrios na cadea alimentar, e co fin de conseguir uns prezos sostibles para o sector produtor. Pasados tres anos da entrada en vigor dese acordo, observamos que non minguaron os beneficios da industria nin os beneficios da gran distribución, en cambio observamos como as marxes de rentabilidade das explotacións seguen a ser practicamente nulos, abocando ao peche a un importante número de granxas.
Os sucesivos gobernos do partido popular na Xunta de Galicia, remataron coa Mesa do Leite, e con calquera órgano interprofesional capaz de negociar uns prezos xustos, cando dispoñíamos destes órganos alá polo ano 2007, os gandeiros galegos cobrabamos o prezo mais alto do Estado, hoxe é xustamente o revés, e ao mesmo tempo os prezos son mais baixos que fai10 anos. A día de hoxe, tanto a industria como a distribución, poden fixar os prezos do leite que mellor lles conveña, en cambio os gandeiros temos que sufrir como as industrias impoñen un prezo de forma unilateral. A Xunta de Galicia con este tipo de actuacións, está permitindo que no sector lácteo galego os produtores sexamos uns meros espectadores no proceso de fixación de prezos, vendo como a rendabilidade das nosas explotacións cae un ano tras doutro.
Igualmente, non sabemos moi ben para que serven as chamadas organizacións de produtores, porque visto o que está a pasar a día de hoxe a súa efectividade é practicamente nula. Temos prezos mais baixos que cando non existían estas organizacións, e dende logo non sabemos cal é o seu papel nas negociacións dos prezos do leite. Organismos como a comisión da competencia, soamente serven para contribuír a aumentar os beneficios da industria e da distribución, a cambio de dificultar a sobrevivencia das explotacións lácteas galegas.
Ante esta situación, a Consellería do Medio Rural, non pode quedar de mera observadora, senón que xa vai sendo hora de que empece a tomar as medidas necesarias para evitar todo este tipo de abusos que sufrimos os produtores de leite galegos actualmente. Si realmente estamos ante a lexislatura do rural, o que non podemos facer é permitir todo este tipo de abusos no agro galego, que sempre son padecidos por parte de quen viven directamente do medio rural.