As agricultoras e agricultores galegos non imos cobrar o anticipo da PAC por culpa da Xunta de Galiza

Oito comunidades autónomas solicitaran ao FEGA fondos para pagar o anticipo da PAC e Galiza non se encontra entre elas.

 

Lugo 20 de outubro de 2018. Nos últimos días puidemos ver como un total de 8 comunidades autónomas solicitaron ao Ministerio de Agricultura a través do FEGA, os fondo necesarios para realizar os anticipos da PAC, entre as cales non se atopa Galicia.

 

Na campaña PAC do 2018 en Galiza tramitáronse un total de 28289 solicitudes, as cales podían ter acceso a este anticipo sempre e cando a propia Consellería do Medio Rural o solicitase. Observamos pola contra como os agricultores e gandeiros de outras comunidades autónomas xa están a piques de cobrar a PAC, en cambio os galegos e galegas vamos ter que esperar, como consecuencia de que a Xunta de Galicia non fixo as oportunas xestións.

 

O presidente Feijoo, debe pensar que as explotacións galegas viven na abundancia, que non precisan cobrar o mais pronto posible as axudas PAC, ao igual que cobran noutras comunidades do Estado. Como consecuencia do seu desprezo co rural galego, cando esta ía ser a lexislatura do rural, os e as titulares das explotacións agrarias galegas vamos estar nunha situación de desigualdade de condicións con respecto aos e ás titulares de outras zonas do estado que si poderán aproveitar da axudas PAC moito antes que nós.

 

FRUGA considera que esta actitude da Xunta de Galicia demostra o seu nulo interese polo agro galego. A lexislatura do rural quedouse en simple propaganda, sen que se observara ningún cambio de actitude na actuación do goberno Feijoo con respecto ás problemáticas do medio rural. Actualmente os prezos que se perciben no agro galego son moi baixos,  nalgúns casos non cubren os custes de produción, algo que está levando consigo o peche de explotacións un dia tras outro, tendo en conta que en moitos casos, existe un importante grado de endebedamento como consecuencia da modernización das súas instalacións.

 

Dende FRUGA pensamos que os fondos necesarios para poder adiantar o anticipo, xa tiñan que estar solicitados, e que a día de hoxe xa se tiñan que estar tramitando os pagos, como si o están a facer outras comunidades autónomas. A Consellería do Medio Rural non é consciente das dificultades económicas que sofren moitos agricultores e gandeiros galegos, e pensa que a dia de hoxe viven desafogados, algo que indica o total descoñecemento da realidade do rural galego.