Os altos custes enerxéticos poñen en perigo o futuro das nosas explotacións polo que reivindicamos unha tarifa eléctrica galega.
Lugo, 25 de outubro de 2018. Nos últimos meses produciuse un aumento considerable dos prezos do gasóleo agrícola, moi superior a cotización do cru, sendo esta unha suba catro veces superior. Entre Xullo e Outubro o prezo do cru aumentou de media un 11%, alias que o gasóleo agrícola pasou de media de 0,679 euros/litro a 0,961 euros/litro, o que supón un aumento dun 41,5%. Neste curto período de tempo, o gasóleo agrícola acadaba prezos similares aos de 2012, que foran os mais altos da historia. Encher un deposito de gasóleo dun tractor supón un incremento de 85 euros de media.
Concretamente esta suba coincide co anuncio do goberno de aumento dos impostos os combustibles diésel, que afectaría o sector agrícola e a outros sectores económicos do estado. Unha parte importante do prezo do combustible son impostos, nestes momentos rondan o 25% do importe total. No último ano a cantidade do importe derivada da devolución do gasóleo, concretamente do imposto especial de hidrocarburos, sufriu unha baixa considerable, soamente se devolve unha porcentaxe do total do imposto fronte a totalidade que se devolvía noutros anos.
Tendo en conta que na Galiza, pese a ser excedentaria en produción de enerxía, estamos a pagar os prezos da electricidade mais altos de Europa e con subas constantes, e aínda por riba con anuncios de novas penalizacións, a FRUGA considera inadmisíbel que a esta situación se lle sume a importante suba nos combustíbeis. Derivados deste constantes aumentos dos custos enerxéticos a maioría das explotacións galegas encóntranse con verdadeiras dificultades para seguir adiante. Esta situación, xunto cos baixos prezos dos nosos produtos, esta contribuíndo ao peche das explotacións agrogandeiras e con elo á desertización do rural galego. Non nos valen grandes declaracións de intencións, queremos feitos.
Dende FRUGA reivindicamos ao goberno galgo unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás explotacións agroganderiras galegas, e ao goberno do Estado español a revisión da fiscalidade dos combustíbeis agrícolas, establecendo un tipo cero no Imposto Especial de Hidrocarburos por un lado, e rebaixando o IVA a tipo reducido, asunto este que permite a Unión Europea. Igualmente é preciso someter as empresas distribuidoras de combustibles a unha vixilancia activa contra posibles prácticas anticompetitivas.