Desde a FRUGA reclamamos o inmediato restablecemento do Programa de Recollida, de non ser así o problema transfíreselle ás explotacións.
Lugo, 2 de novembro de 2018. Segundo dados da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, a cantidade de plástico agrícola (plástico e bolsas de silo, de invernadoiro, de acolchados, et) que se xera na Galiza ao longo dun ano rolda as 7.700 toneladas, dos que 4.800 son de silo, 900 de invernadoiros e 2.000 de bolsas de silo.
O último contrato de servizo entre a Consellería de Medio Ambiente e a empresa de reciclaxe encargada de recoller o plástico agrícola data de novembro de 2017, fai exactamente un ano. Até ese momento as persoas que facían uso destes plásticos podían depositalos, o máis limpos posíbeis e atados ou recollidos para facilitar o seu tratamento, nun lugar indicado, previamente, por cada concello. Por súa vez os concellos debían ter asinado un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para xerir este residuos. Unha vez que o punto de almacenamento tiña acugulada unha cantidade de plástico superior á metade da súa capacidade o concello púñase en contacto coa empresa de recollida que procedía a retiralo.
Esta era a mellor maneira de proceder para garantir que os plásticos agrícolas non acabaran ciscados polas leiras, montes, regatos ou ríos, emporcallando a nosa paisaxe, tendo un grande impacto sobre a mesma e o medio ambiente, ou queimados incontroladamente causando graves danos para o medio ambiente e a saúde, ao desprenderse, na súa combustión, metais pesados como o mercurio, dioxinas e furanos entre os produtos mais perigosos.
Desde a FRUGA queremos denunciar a grave irresponsabilidade da Xunta de Galiza ao non sacar a concurso o servizo do Programa de Recollida de Plásticos Agrícolas, que incluía a recollida, transporte e valorización deste produto tan poluinte. Segundo estudos feitos ao respecto do tempo de degradación dos plásticos agrícolas, sobre todo o Polietilenos de Alta Densidade, como son os dos silos, estes poden tardar en se degradar até 150 anos.
Perante deste grave problema medioambiental, ecolóxico e social, que supón deixar de recoller os plásticos que se usan na actividade agraria, reclamamos da Xunta de Galiza o inmediato restablecemento do Programa de Recollida de Plásticos Agrícolas, así como a realización de campañas de concienciación para conseguir acrecentar o volume de plástico recollido, xa que, segundo dados da propia Xunta de Galiza, o ano que mais se recolleu foi o 2010 con 4.000 tonelada, isto é o 50 por cento do total usado.