A nova PAC que xa temos enriba. O prazo para presentar achegas finaliza o 7 de decembro.

A FRUGA tivo de ir a Bruxelas, invitada polo BNG, para saber o que se nos aveciña. De todo isto, así como da súa representatividade e da situación do sector agrario e rural falará co Conselleiro o próximo día 13.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2018. Unha delegación da FRUGA encabezada polo seu presidente, Xurxo Álvarez, desprazouse até o Parlamento Europeo, convidada polo BNG para asistir a un seminario sobre o impacto na Galiza da futura reforma da Política Agraria Común (PAC) 2021-2027. O seminario contou coa presenza do Director Adxunto da Unidade D.4 Cambio climático, Medio ambiente, Sector forestal e Bioeconomía da Comisión Europea, así como coa do Director Adxunto Unidade G.2 “Viño, espirituosos e produtos hortofrutículas”, mas tamén con técnicos da Dirección xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, e do Programa de Desenvolvemento Rural.

Desde a FRUGA queremos agradecer ao BNG, na persoa de Ana Miranda, o convite para participar neste seminario. O primeiro que temos de dicir é que se confirma que a proposta para a reforma da PAC 2021-2027 vai seguir a filosofía neoliberal instaurada a partir da reforma de 1992, coñecida como reforma MacSharry, consistente na supresión dos prezos garantidos e a súa substitución por axudas, o que provocou a caída dos prezos agrarios que en ningún caso foi compensada, na mesma proporción, coas axudas. O que perseguía a reforma MacSharry, e é o que sigue prevalecendo agora, é que as multinacionais agropecuarias dispoñan de materia prima barata para poder competir no mercado mundial. A maiores o reparto das axudas responde a un reparto desigual e antisocial, así o 80% das axudas son cobradas polo 20% dos e das preceptoras, e en consecuencia o 80% dos e das preceptoras teñen de conformarse co 20% das axudas, dinámica que no se vai reverter con esta proposta de reforma.

Segundo a información proporcionada neste seminario a Comisión Europea xa ten todo o peixe vendido. A Comisión dispón dunha proposta cerrada que será discutida no Parlamento Europeo, na medida das súas competencias, mas a decisión final corresponde á propia Comisión. De feito o prazo para presentar achegas no Parlamento Europeo aos textos elaborados pola Comisión remata o próximo día 7 de decembro.

A Comisión confirma un orzamento global para o período 2021-2027 de 365 mil millóns de euros, dos que 286 mil millóns van para o primeiro piar, axudas directas, e 79 mil millóns para o segundo piar, desenvolvemento rural. Isto supón unha rebaixa a respecto do anterior orzamento dun 5% no primeiro piar e dun 15% no segundo piar. Constatase con esta proposta de orzamento a constante e continua perda de peso da PAC no seo da UE, así se no ano 1993 o orzamento da PAC supuña o 0,7% do PIB, neste memento xa representa menos do 0,4% e con esta rebaixa, para o ano 2021, a porcentaxe sobre o PIB situarase ao redor do 0,3%.

Outra información da que fomos coñecedores foi de que a Comisión xa ten decidido mudar as regras de xogo do sector do viño, o que vai ter grande incidencia nos nosos viños de calidade. A UE quere apostar mais pola cantidade que pola calidade, volvendo a unha viticultura de hai 50 anos. Para iso o que pretende a Comisión é legalizar a elaboración de viños a partir de variedades hibridas que até agora estaban prohibidas, mesmo con graves riscos para a saúde humana. O único que lle interesa á UE, na súa liña neoliberal, é exportar cada vez mais viño ao mercado mundial, para o que precisa homoxeinizar o produto en detrimento das especificidades que representan as Denominacións de Orixe e as Indicacións Xeográficas Protexidas. Con esta medida estas figuras de protección e de calidade fican feridas de morte.

De todo isto, así como do recoñecemento da FRUGA como organización agraria representativa do sector, e da situación do agro e do rural galego no seu conxunto, trataremos unha delegación da nosa organización con o señor conselleiro do medio rural da Xunta de Galiza o próximo dia 13, martes, a partir das 18h00.