Na Galiza perdemos 419 granxas leiteiras neste último ano, e seguimos cobrando 3 céntimos menos que en Asturias ou Euskadi.

Desde a FRUGA preguntámoslle a Consellería do Medio Rural até cando vai seguir esta desfeita, sen que se lle poña freo.

Lugo, 7 de decembro de 2018. Os datos da última declaración de entregas de leite no Estado español, reflexa unha vez mais a importante caída do número de explotación lácteas en Galiza. Concretamente durante o mes de outubro 52 granxas abandonaron a produción de leite no país, tendo en conta ademais que durante o último ano, os abandonos suman un total de 419 explotacións, quedando a día de hoxe un total de 7632 ganderías en Galiza.

O prezo medio do leite galego foi de 0,314 euros/litro, moi por debaixo da media do estado que estivo en 0,325 euros/litros, e 3 céntimos de euro menos que comunidades como Asturias e Euskadi. Producimos perto do 40% do total do leite do Estado, e cobramos os prezos mais baixos, aspecto este último que se ven repetindo nos últimos anos.

Evidentemente con este panorama, podemos comprobar como o prezo do leite non cubre, nin de lonxe, os custos de produción, que segundo varios informes técnicos están en torno os 0,35 euros/litro.

Os abandonos non soamente son froito da xubilación de moitos titulares de explotación, senón que non se está a dar o relevo xeracional necesario, debido a que as marxes netas que quedan na produción de leite son escasas, e non permiten vivir dignamente desta actividade.

A perda de unidades de produción no sector lácteo, supón que moitas áreas do país camiñan cara a desertización a pasos axigantados, convertido o país en grandes masas de eucaliptos, e ao mesmo tempo en pasto de lume. Un medio rural vivo, precisa dunha actividade agropecuaria cunha presenza humana nas nosas aldeas.

Ante esta situación desde FRUGA pensamos que a Consellería do Medio Rural, ten que por en marcha un plan para frear esta perda de explotacións. A día de hoxe estanse a valorizar as producións tanto ecolóxicas como as que teñen como base a produción de leite en sistemas de pastoreo. Este modelo de producións son adaptables a nosa realidade xeográfica e climatolóxica, e ao mesmo tempo as gandeiras mais extensivas precisan de forraxe que ven doutros lugares do estado. A Xunta de Galicia ten que pensar que rural non pode seguir estes níveis de desertización, para o que ten que pór en marcha dunha vez por todas un plan que sexa quen de evitar esta perda masiva de explotacións lácteas, valorizando as nosa produción cuns prezos que permitan cubrir os custos de produción, e que permitan vivir dignamente da actividade agropecuaria.