O vicepresidente César Mosquera, o alcalde Fernández Lores, e o presidente de FRUGA asinaron hoxe un convenio de colaboración para a implantación e seguimento da compostaxe individual no municipio

Ponte-Vedra inicia o despregue de 8.000 composteiros individuais e convértese na cidade mellor preparada do Estado español para cumprir a normativa europea de residuos.

Pontevedra converterase en breve no concello do estado mellor preparado para cumprir a nova normativa europea de residuos. A primeiros do vindeiro mes de febreiro e grazas ao Plan Revitaliza da Deputación comezará o reparto de 8.000 composteiros individuais no rural pontevedrés, o que permitirá reciclar todo o lixo orgánico de 15 parroquias e, polo tanto, recuperar máis da metade dos residuos sólidos urbanos tal e como esixe a nova lexislación de cara ao 2020.

O despregue dos 8.000 composteiros comunitarios será unha realidade grazas ao convenio de colaboración asinado hoxe entre a Deputación, o Concello e a Federación Rural Galega (FRUGA) para a implantación e seguimento da compostaxe individual no municipio, no que estiveron presentes o vicepresidente César Mosquera, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente do colectivo rural, Xurxo Álvarez.

Segundo explicou Mosquera, o acordo permitirá que persoal técnico da FRUGA organice entre 80 e 120 charlas informativas para explicar á veciñanza como se debe compostar, instale os composteiros, e unha vez estos xa estean en funcionamento desenvolva entre dúas e catro visitas por domicilio para o seu seguimento. Ademais realizarase un control a distancia vía telefónica para atender dúbidas das persoas participantes no plan.

Nas visitas de seguimento a cada vivenda o persoal técnico debe tomar medicións de temperatura do material a compostar, atender o nivel de enchido, e se a humidade ou esponxosidade é a correcta, para despois subir todos os datos á APP do Revitaliza co fin de que se poida facer unha análise e trazabilidade do funcionamento global.

O vicepresidente destacou que para realizar o seguimento dos composteiros individuais a institución provincial achega 400.000 euros. A FRUGA, dixo, foi elixida mediante un procedemento selectivo (a diferencia dos concellos de Vilaboa, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario e O Grove) debido á complexidade e extensión dos traballos.

Mosquera salientou que nesta primeira fase da compostaxe individual en Pontevedra é preciso asentar as bases de forma sólida e “ser metódicos e rigorosos” para crear unha “cultura da compostaxe ben feita que permee na sociedade”. Tamén indicou que a profesionalidade coa que se está a desenvolver o plan da Deputación, moi diferente do que ata o agora se deu en chamar ‘compostaxe individual’. Insistiu en que o Revitaliza é un proxecto pioneiro que xa é referencia no exterior, tanto en cidades do estado como doutros países que demandan información continua.

Salcedo, Tomeza e Campañó

O alcalde de Pontevedra confirmou que os 8.000 composteiros individuais adquiridos polo Concello comezarán a instalarse a primeiros do mes de febreiro nun despregue que deberá estar finalizado en maio de 2020. As primeiras parroquias nas que se farán charlas explicativas e repartos serán Salcedo, Tomeza e Campañó, posto que nas dúas primeiras houbo experiencias previas de compostaxe que facilitan o labor, e en Campañó hai demanda veciñal dende que se instalou o centro de compostaxe comunitaria.

Nos meses posteriores continuarase polo resto das parroquias (15 en total) ata dar cobertura á totalidade do rural. Isto desenvolverase, explicou Lores, de forma paralela ao despregue dos composteiros comunitarios na cidade, onde mañá mesmo se inaugurarán novas ampliacións no barrio de A Parda (con postos informativos de mañá e tarde), Ponte Boleira e Camiño de Ferro.

Pontevedra como cidade vai ser a única cidade que está en condicións de cumprir as directivas da Unión Europea que obrigan a recuperar máis do 50% dos residuos sólidos urbanos. No caso de Pontevedra intentaremos que sexa máis, e iso é imposible facelo se non se recupera a materia orgánica, posto que esta é máis da metade do lixo”, apuntou.

Finalmente, o presidente da FRUGA, Xurxo Álvarez, destacou que o seguimento dos composteiros de Pontevedra é un reto para a organización, pero “que non mete medo”, posto que a compostaxe leva practicándose moitos anos no rural. Apuntou que se realizará un traballo didáctico coa veciñanza para que composte e así, ademais de obter beneficios para o medio ambiente, se evite o gasto de cartos públicos en trasladar e queimar un material tan pesado como o lixo orgánico.