Ponte-Vedra, 23 de xaneiro de 2019. A Asociación Galega de Viticultura (AGV) organiza o vindeiro sábado 26 de xaneiro, en colaboración co Concello de Pontevedra, unha nova edición do Túnel do viño galego: “beber do país”. Este acto servirá para estrear a reforma do primeiro andar do Mercado de Abastos.
Segundo explicou este mércores en rolda de prensa a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías e Roberto Rivas, presidente da AGV, o obxectivo desta actividade é reunir os viños galegos nun mesmo evento para promocionar a súa calidade.
Este evento acolle viños galegos procedentes de todas as denominacións de orixen (DO) e das indicacións xeográficas protexidas (IXP) galegas, así como tamén doutras zonas de interese vitivinícola de Galicia. O horario é de 12:00 horas a 14:30 de mañá e de 17:00 a 21:30 de tarde. A entrada é de balde e as persoas asistentes poderán degustar todos os viños que o desexen.
O Túnel do viño galego coincide coa celebración, no Pazo da Cultura, dunha xornada sobre “a viticultura galega ante a encrucillada do 2030”. Na xornada, un grupo de expertos en viño galego falarán das castes autóctonas e híbridos, das novas elaboracións e a súa integración nas zonas protexidas, das Denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas galegas perante os retos do 2030.