Xosé Manuel Nieto, representante da FRUGA e vogal no Consello Regulador da IXP “Pataca de Galiza”, valora positivamente a constitución da mesma.
Xinzo de Limia, 5 de marzo de 2019. O representante da FRUGA na constitución da “Mesa da Limia” levada a cabo o pasado día 3 de marzo no Salón de Plenos do concello de Xinzo de Limia, Xosé Manuel Nieto, valorou positivamente a iniciativa de conformar unha mesa da que fan parte os sectores implicados na procura de solucións aos problemas cos que se ten de enfrontar a comarca da Limia.
Na constitución da mesma estiveran presentes representantes institucionais tanto do goberno galego como dos concellos da comarca, asociacións medioambientalistas, de desenvolvemento rural e representantes do sector produtor, así como da empresa COREN. Porén é de destacar a ausencia de representantes da Confederación Hidrográfica.
Na comarca da Limia conviven dúas actividades aparentemente contraditorias mas que teñen de convivir, por un lado temos unha elevada concentración de granxas intensivas coa conseguinte xeración de xurros e estercos, sendo os dos sectores de porcino e de aves os mais preocupantes, e por outra parte temos que esta comarca é a maior produtora de Galiza de pataca e que o seu presente e o seu futuro non pode estar condicionado polos problemas causados pola xestión inadecuada de residuos e estercos das granxas de produción intensiva.
Desde a FRUGA pularemos pola elaboración de un estudio serio e rigoroso que nos de a coñecer a verdadeira entidade do problema dos xurros e estercos das granxas intensivas de porcino e de aves, así como un seguimento e control do estado das terras e das augas neste comarca.
Encanto non se dispoña de datos fiábeis desde a FRUGA propomos unha moratoria na ampliación das granxas existentes e na instalación de novas granxas sobre todo nos dous sectores con mais presencia na comarca da Limia. Por outra parte valorase positivamente que a planta de Sarreaus reabra as súas instalacións, sendo conscientes, como así se dixo na propia reunión por parte do señor conselleiro, que van ser necesarias mais plantas de reciclaxe para os estercos.
Desde a FRUGA estamos dispostos a colaborar activamente na procura de solucións e alternativas para todos os sectores produtivos agropecuarios da comarca da Limia.