A Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Federación Rural Galega (Fruga) e Sindicato Labrego Galego (SLG) están ultimando os preparativos para realizar unha manifestación de protesta con cacerolada o 8 de maio en Compostela para esixir solucións urxentes para os danos da fauna salvaxe. Ese día, realizarase unha marcha dende os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano até a sede da Consellaría de Medio Ambiente, en San Lázaro.
Agora mesmo, as catro organizacións que apoiamos esta convocatoria estamos preparando unha táboa reivindicativa común da que podemos adiantar as seguintes demandas, que van dirixidas a recuperar un necesario equilibrio ecolóxico no que poidan convivir as persoas, as actividades agrogandeiras e a fauna salvaxe:
- Control das poboacións de fauna salvaxe: A Xunta de Galicia é a responsábel da xestión da fauna salvaxe na Galiza. Por iso, esiximos da Xunta medidas concretas como a elaboración de censos de poboación das diversas especies silvestres por comarcas para determinar en que zonas existen desequilibrios e actuar en consecuencia. Cando unha especie deriva en praga pode facer insostibles actividades tradicionais como a agricultura ou a gandería, ou mesmo poñer en perigo a supervivencia doutras especies salvaxes.
- Indemnizacións xustas: A Xunta debe ser a responsábel civil subsidiaria do 100% dos danos causados pola fauna salvaxe, xa que o seu mantemento e conservación é unha responsabilidade do conxunto da sociedade galega. Por ese motivo, esiximos que se cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes e, en concreto, que se cree con carácter de urxencia o fondo de corresponsabilidade previsto xa pola Lei de Caza en 2013.
- Control sanitario efectivo da fauna salvaxe: Está a haber un incremento alarmante das enfermidades de carácter contaxioso propagadas por especies salvaxes dentro e fóra de Galiza. Así estamos asistindo á aparición de novos focos de peste porcina africana, tuberculose bovina ou brucelose no gando; ou a transmisión da Enfermidade de Lyme nas persoas a través da carracha do corzo ( Ixodes ricinus ), que pode causar graves consecuencias na saúde humana e mesmo a morte. Agora mesmo, non se está a facer practicamente nada ao respecto e debería haber un programa de control sanitario suficientemente dotado en orzamento e medios para evitar futuras crises sanitarias e que involucrase consellarías como Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade.
- Financiamento suficiente para as medidas de prevención: Agora mesmo, as medidas preventivas contra os ataques da fauna salvaxe son manifestamente insuficientes. Para que a prevención sexa efectiva, cómpre deseñar un plan de maneira coordinada cos diversos axentes dos sectores agrogandeiros e dotalo con suficiente orzamento.
- Xestión territorial: A medio e longo prazo é necesaria unha ordenación do territorio, poñendo especial fincapé na xestión do monte e superficies boscosas en estado de abandono e na proximidade de zonas con actividade agrogandeira, así como na persecución e denuncia da forestación de terras agrarias