FRUGA manifestase a prol da convivencia da fauna silvestre, a actividade agropecuaria e a sociedade.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019. Onte tivo lugar unha manifestación na capital da Galiza, Santiago de Compostela, convocada por FRUGA xunto con outras tres entidades na que se demandaron solucións urxentes para facer fronte aos danos causado pola fauna silvestre.

Desde a FRUGA partimos de que este é un asunto que atinxe a toda a sociedade galega e que padece o mundo rural. Neste sentido compételle á Xunta da Galiza, como representación de toda a sociedade galega, implememntar solucións nun primeiro momento urxentes, mas que a medio e longo prazo teñen de ter unha visión mais global e abranxente.

Até agora a Xunta de Galiza ten optado por dúas opcións. A primeira, derivar ás súas responsabilidades cara os TECORES (Terreos Cinexeticamente Ordenados) apostando polas batidas e obrigando ás persoas damnificadas a se enfrontar con estas entidades, actuando deste xeito a Xunta de Galiza fai deixación das súas responsabilidades políticas e administrativas. A segunda é a de promulgar liñas de apoio, a todas luces insuficientes, coincidindo con épocas electorais. En concreto desde o ano 2014 soamente publicou ordes de apoio para paliar os danos causados no ano 2016, ano das eleccións galegas, e este ano 2019 coincidindo con as municipais.

A primeira grande dificultade con a que topamos para coñecer a verdadeira dimensión do problema é saber con a maior exactitude posíbel o censo e a distribución da fauna silvestre, e sobre todo a de xabaril, para o que se fai necesario que por parte da administración galega se aborde a elaboración dun estudo rigoroso e a partir do mesmo desenvolver un Plano de xestión Integral con medidas de prevención e control do censo, Plano que terá de estar dotado do orzamento suficiente.

En base a este criterios a Federación Rural Galega – FRUGA, asumiu o seguinte documento como documento conxunto das catro entidades convocantes da manifestación celebrado este día 8 de maio:

  1. Control das poboacións de fauna salvaxe: A Xunta de Galicia é a responsábel da xestión da fauna salvaxe na Galiza. Por iso, esiximos da Xunta medidas concretas como a elaboración de censos de poboación das diversas especies silvestres por comarcas para determinar en que zonas existen desequilibrios e actuar en consecuencia. Cando unha especie deriva en praga pode facer insostibles actividades tradicionais como a agricultura ou a gandería, ou mesmo poñer en perigo a supervivencia doutras especies salvaxes.
  1. Indemnizacións xustas: A Xunta debe ser a responsábel civil subsidiaria do 100% dos danos causados pola fauna salvaxe, xa que o seu mantemento e conservación é unha responsabilidade do conxunto da sociedade galega. Por ese motivo, esiximos que se cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes e, en concreto, que se cree con carácter de urxencia o fondo de corresponsabilidade previsto xa pola Lei de Caza en 2013.
  1. Control sanitario efectivo da fauna salvaxe: Está a haber un incremento alarmante das enfermidades de carácter contaxioso propagadas por especies salvaxes dentro e fóra de Galiza. Así estamos asistindo á aparición de novos focos de peste porcina africana, tuberculose bovina ou brucelose no gando; ou a transmisión da Enfermidade de Lyme nas persoas a través da carracha do corzo ( Ixodes ricinus ), que pode causar graves consecuencias na saúde humana e mesmo a morte. Agora mesmo, non se está a facer practicamente nada ao respecto e debería haber un programa de control sanitario suficientemente dotado en orzamento e medios para evitar futuras crises sanitarias e que involucrase consellarías como Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade.
  1. Financiamento suficiente para as medidas de prevención: Agora mesmo, as medidas preventivas contra os ataques da fauna salvaxe son manifestamente insuficientes. Para que a prevención sexa efectiva, cómpre deseñar un plan de maneira coordinada cos diversos axentes dos sectores agrogandeiros e dotalo con suficiente orzamento.
  1. Xestión territorial: A medio e longo prazo é necesaria unha ordenación do territorio, poñendo especial fincapé na xestión do monte e superficies boscosas en estado de abandono e na proximidade de zonas con actividade agrogandeira, así como na persecución e denuncia da forestación de terras agrarias