Ponte-Vedra, 18 de xuño de 2019. A Federación Rural Galega (FRUGA), a través da Asociación Galega de Viticultura (AGV), vén de participar, como convidada, nunha xuntanza sectorial do viño convocada pola Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos (UDU).
Na mesma analizouse en profundidade a situación actual do sector a partir da realidade de cada un dos territorios produtores do Estado español.
No relativo á actual situación do mercado vitícola constatouse como a obrigatoriedade imposta pola Lei para a mellora do funcionamento da cadea alimentaria de levar a cabo o pago da uva en 30 días e o do viño en 60 días, estase resolvendo polos operadores, principalmente os grandes distribuidores, forzando a compra de viño en orixe canto máis tarde mellor, incluso facendo as seus “coupages” (mesturas) en orixe e non nas súas instalacións, trasladando así os gastos de almacenamento do produto, e fundamentalmente os financeiros, as adegas de orixe (sobre todo cooperativas) que se ven co viño máis tempo nas súas instalacións e atrasando no tempo os ingresos.
Este contexto está claro que facilita a especulación nos prezos e a súa tendencia á baixa.
No que respecta ao proceso de reforma da OCM (Organización Común de Mercados dos Produtos Agrarios), que a Comisión Europea está a impulsar para a modificación da PAC (Regulamento 1308/2013) para o período 2021-2027 de cara a prevista liberalización do sector no horizonte do ano 2030. O calendario previsto da proposta xa está en marcha, e a previsión e contar cunha proposta estatal para xuño do ano próximo e que a nova PAC entre en vigor no ano 2022.
A FRUGA-AGV manifestou a súa oposición a unha serie de medidas que se propoñen por supor un impacto negativo para o sector vitivinícola galego nun momento en que se está a vivir un proceso de valorización e crecemento. Medidas como:
-
A admisión de elaboración de viños non só a partir da Vitis Vinífera, senón tamén a partir da Vitis labrusca. E a admisión tamén dos viños procedentes de híbridos entre as especies Vitis Vinifera, Vitis labrusca e outras especies do xénero Vitis.
-
Autorización do emprego do termo desalcoholizado conxuntamente coa denominación dos produtos vitivinícolas, creando así novas categorías de viño: desalcoholizado e parcialmente desalcoholizado.
-
A modificación do regulamento das DO e IXP en aspectos como a omisión do factor humano como un requisito inescusable, xunto coa supresión da necesidade de incorporar un expediente técnico para aprobar a protección dos produtos dunha área xeográfica mediante unha Do ou unha IXP.
-
A liberalización do sector poñendo fin ao actual réxime de autorización de novas plantacións de viñedo.
Noutro punto púxose de manifesto a contradición que supón que os distintos departamentos do Ministerio non consideren as Titularidades Compartidas coa mesma prioridade que aos xoves agricultores, incluso cando esa titularidade compartida o é por xoves agricultores, á hora do baremo dos criterios de prioridade para conceder novas autorizacións de viñedo.
Finalmente abordáronse as alegacións presentadas á Extensión de Norma da OIVE, por temas de representatividade non axustada a realidade do sector, por responder só aos intereses das grandes adegas e de costas aos pequenos e medianos produtores, e tamén pola ausencia de propostas claras e concretas de medidas de impulso ao sector.
A valoración da reunión por parte da FRUGA-AGV é positiva, polo intercambio de información e coñecemento da situación do sector noutros territorios e a constatación de que algunha das problemáticas que estamos vendo iniciarse no mundo do viño galego, correspóndense con actuacións planificadas polas grandes empresas e o capital noutros territorios e que agora teñen os ollos postos en Galiza como un elemento de potencial económico de futuro.