Lugo, 8 de xullo de 2019. Nunha recente visita a Lugo, o Presidente da Xunta, realizou unhas declaracións, nas cales viña a dicir, que non lle preocupaba que desapareceran explotacións lácteas en Galiza, e que as explotacións que sobreviviran deberían ser de maior tamaño, tamén se manifestou en favor de un modelo produtivo mais intensivo.
Estas declaracións amosan claramente as intencións do goberno Feixoo para o sector lácteo galego. Actualmente observamos como cada día unha importante extensión do noso territorio rural fica desertizado. Galiza conta con unha escasa Superficie Agraria Útil (SAU), das mais baixas de todo o Estado español e da UE, e en constante mingua. Así entre os anos 2007 e 2017 a SAU da Galiza viuse reducida en 40.000 hectáreas, sendo que unha grande parte destas hectáreas foron plantadas con eucaliptos e noutros casos estanse a converter en pasto do lume.
Esta falta de terra agraria útil vai directamente en prexuízo das explotación agropecuarias galegas, e das de leite especialmente. Todo o mundo coincide en que as explotacións lácteas teñen de disminuir os custes de produción e unha das mellores maneiras de o facer é dependendo menos da compra de alimentos do exterior, polo que se fai necesario contar con suficiente superficie forraxeira para alimentar o gado, mas o camiño polo que se está indo, e promovido pola Xunta de Galiza, é todo o contrario.
Para dispor de un medio rural galego vivo é imprescindíbel que exista actividade agraria e gandeira, e nunha importante parte do territorio da Galiza esa actividade está intimamente ligada con a produción de leite. Amplas zonas das comarcas agrarias deste noso País están intimamente relacionadas a produción láctea.
As características físicas e orográficas do rural galega, son compatibles coa presenza de vacas leiteiras, e ao mesmo tempo configuran un sistema socioeconómico capaz de xerar un importante número de postos de traballo no medio rural galego. Do contrario a inversión en políticas de prevención e extinción de lumes aínda terían de ser muito mais superiores do que xa son hoxe. Galiza ven gastando a través do PLADIGA – plano de loita contra o lume- uns 150 millóns de euros ao ano.
Actualmente existe unha demanda de novos tipos de produtos lácteos, concretamente de leites baseados en métodos de produción sustentables ou ecolóxicos, como poden ser as marcas de pastoreo que a día de hoxe xa certifican preto de 700 ganderías galegas.
A produción destas novos tipos de leite vai ligado a unha significativa presenza de gandeiros e gandeiras no medio rural galego, para poder manexar este tipo de produción. Galiza conta cunha grande potencialidade nestas novas modalidades de produción, algo que parece non querer ver o presidente da Xunta.
A presenza dun importante número de gandeiros e gandeiras, é clave para manter un sector diversificado, forte e produtivo, así como un territorio non desertizado, fronte a modelos superintensivos, que poden acabar xerando macrogranxas, como a que se intentaba montar non fai moito tempo en Soria.
Ante tal situación consideramos, que nesta mal chamada lexislatura do rural, o que debe facer o goberno galego non é outra cousa que traballar para que este sector, como sector estratéxico que é para a economía galega, teña futuro, fomentando a actividade dun importante número de explotacións gandeiras, contrariamente ao que declara o señor Feixoo nas súas intervencións públicas.
Desde a Federación Rural Galega – FRUGA consideramos, ao contrario do que opina o señor Presidente da Xunta da Galiza, que no sector lácteo galego non sobre ninguén e que o que falta, pola contra, son prezos xustos que permitan levar unha vida digna, o que podería contribuír a que o noso rural nos se abandone, como está pasando agora.