A FRUGA xunto con outras entidades vimos de presentar o manifesto “Por un monte galego con futuro”

As organizacións asinantes temos previsto convocar unha manifestación na segunda quincena de outubro.

 

Santiago de Compostela 8 de xullo de 2019. ADEGA, Amigos da Terra, APDR, Asociación FROUMA, AGA, FRUGA, Comando Ghichas, ORGACCMM, SLG, Petón do Lobo, Verdegaia, Kunterbunt Design, Amarelante S. Coop. Galega, Agrocuir, Asoc. Cultural Bidueiro, todas eles colectivos membros de Cousa de Raíces, xunto con outras organizacións, como a CIG, veñen de lanzar unha proposta conxunta “Por un monte galego con futuro” e cuestionan tanto as que se están a barallar na revisión do Plan Forestal que está a tramitar a Xunta de Galiza, como as medidas contempladas na Estratexia Galega contra o Cambio Climático.

As organizacións convocantes consensuaron un documento no que se recollen toda unha serie de valoracións e propostas que permitirán favorecer o papel dos ecosistemas forestais para, no actual contexto de mudanza climática, mitigar os efectos do quecemento global, mais non só como reservorios de carbono, senón tamén como fornecedores de  servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación da auga e do ar ou a loita contra a erosión, entre outros.

Por iso cuestionaron o recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático no que “só interesa fixar máis carbono en máis madeira o máis rápido posíbel”, o que ao seu entender “potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento rápido”. Especies que se ven ademais favorecidas, para o seu uso en repoboación, no Decreto 163/2014 do Estado español para a compensación e absorción de dióxido de carbono.   A este respecto lembraron que o recente informe do IPBES (Panel Internacional para a Diversidade Biolóxica, UNESCO) cifra en 290 millóns de hectáreas a superficie de bosques naturais perdidos no planeta entre 1990 e 2015, e en 110 millóns de ha o aumento das plantacións forestais no mesmo período.  Por iso advertiron que “unha plantación forestal non pode ser considerada un bosque, e menos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que, como os eucaliptos, empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade. Nin sequera contribúen a fixar carbono neto ao favorecer as cortas en ciclos curtos para queimar en plantas industriais de biomasa”.

Plan Forestal: 35.000 ha de eucalipto máis

Subliñaron que o Plano Forestal que está a tramitar a Xunta promove a ocupación de 35.000 ha máis de eucalipto sobre un exceso de 300.000 Ha con respecto á planificación anterior. Fronte a iso reclamaron que as Administracións galega e estatal aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio climático, e que non se use isto como escusa para seguir potenciando as repoboacións con eucaliptos e outras especies invasoras. Apostan, ademais, polo peche do ciclo produtivo da madeira na Galiza, de xeito que cunha regulación do monte adecuada, que favoreza a biodiversidade, mais permita a explotación forestal ordenada, se recupere o tecido industrial que se dedicaba aos aproveitamentos forestais, algo que permitiría a recuperación de postos de traballo e a fixación de poboación no rural.

Anulación da actual proposta do Plan Forrestal

As organizacións sindicais, ecoloxistas e do mundo rural coincidiron en valorar que na posta en valor do monte, de xeito multifuncional e sustentábel, ten incidencia a estrutura da súa titularidade. Lembraron que as recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara unha tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destas ás colectividades locais. Fronte a isto denunciaron que ”en Galiza existe unha titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización”.

Por iso demandaron a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social.

Medidas concretas

Consulta a continuación a proposta de medidas concretas elaborada polos colectivos asinantes da campaña “Por un monte galego con futuro”:
PROPOSTA POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO

Entidades asinantes

  • Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • Asociación Frouma
  • Asociación Cultura Bidueiro
  • Asociación Galega de Apicultura (AGA)
  • Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)
  • Amarelante S. Coop. Galega
  • Amigos da Terra
  • Amigos e Amigas dos Bosques “O Ouriol do Anllóns”
  • Colectivo Agrocuir da Ulloa
  • Confederación Intersindical Galega (CIG)
  • Comando Ghichas do Valmiñor
  • Cova Crea
  • Federación Rural Galega (FRUGA)
  • Kunterbunt Design
  • Montegal
  • Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)
  • Petón do Lobo
  • Sindicato Labrego Galego (SLG)
  • Verdegaia