A gandería galega non ten contribuído notabelmente ao acrecentamento das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). A xeración de enerxía é a principal fonte de emisións.

O acrecentamento de emisións de GEI, por parte da actividade agropecuaria, está mais relacionado co desmatamento de zonas como a Amazonia e ás prácticas intensivas.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2019. Segundo os dados extraídos do informe de situación das emisións de CO2 no mundo para o ano 2015, da Fundación Empresa e Clima, en Europa o sector enerxético ven a supor o 75,2% do total de emisións de GEI. O seguinte sector que mais contribui é o da agricultura co 9,9%.

Do total das emisións ocasionadas pola actividade agropecuaria (9,9%); o 43,1% son devidas á fermentación entérica coa produción de metano, sendo este un dos produtos finais da fermentación que sofren os alimentos na panza dos ruminantes. proceso dixestivo que non deixa de ser un proceso biolóxico e natural; o 37,9% corresponden aos solos agrícolas (cultivar e labrar a terra), 15,3% corresponden á xestión de adubos; e o 3,7% ocasionadas pelo resto de actividades.

A maior porcentaxe de GEI, emitidos polas actividade agropecuarias, ten a súa orixe na fermentación entérica dos ruminantes, pelo que fica claro que hai unha relación directa entre o censo de bovinos e a emisión de metano. Vexamos entón a súa evolución a nivel da Galiza.

Galiza contaba en 2002 con 939.848 cabezas e em 2017 eran 960.413, apenas unhas 20.565 cabezas mais. Destes dados podemos deducir que a influenza do censo galego de gado bovino no incremento de emisións de GEI resulta pouco considerábel xa que a presenza deste tipo de animais na Galiza apenas ten sofrido mudanzas relevantes, movéndose ao longo dos últimos trinta anos ao redor das novecentas mil cabezas, algo ao que xa facía referencia o famoso título do libro de Manuel Rivas “Un millón de vacas”.

O segundo factor que mais influi na emisión de GEI ten a ver co cultivo da terra, para o que se ten de conta a superficie agraria utilizada (SAU), entendendo por tal a terra que se labra, a dedicada a pastos permanentes e a superficie ocupada por cultivos permanentes como o viñedo ou os frutais.

Galiza conta con unha escasa SAU e en constante diminución. Entre 2007 e 2017 a SAU da Galiza reduciuse en 40.000 hs, e de nos fixar na superficie forraxeira a diminución foi de 12.500 hs, e este dado aínda ten mais importancia xa que este tipo de cultivos require a remoción das capas superficiais para a súa implantación, causa fundamental da emisión de GEI.

Segundo o Painel Intergobenamental sobre Mudanzas Climáticas (IPCC) a produción agropecuaria emite entre o 10 e o 12% dos GEI, mas esta porcentaxe elevase ao 20% de incluír as emisións devidas ás mudanzas de uso do solo, como o desmatamento da Amazonia e outras zonas de riqueza forestal a nivel mundial. Estímase que a actividade agropecuaria pode ser responsábel do 80% do desmatamento no mundo.

A recente alarma mundial causada pelos grandes incendios da Amazonia confirman que grandes intereses especulativos da agroindustria, favorecidos polo goberno de extrema dereita dirixido por Jair Bolsonaro, están na orixe dos mesmos. Estes son os verdadeiros culpábeis do acrecentamento das emisións de GEI atribuído á actividade agropecuaria, así como as prácticas intensivas ao ser estas dependentes da importación de gran número de insumos, o que ven a contribuír a acrecentar a emisión de GEI como consecuencia do transporte, sendo este sector a segunda actividade que mais GEI emite.