Até hoxe as organizacións de produtores creadas para negociar o prezo do leite non teñen servido para este obxectivo. A FRUGA reclama a Mesa do Leite.
Lugo, 23 de decembro de 2019. A piques de rematar o ano, o sector lácteo galego segue coa mesma tendencia, perda de explotacións, e ao mesmo tempo os gandeiros e gandeiras galegas cobramos os prezos mais baixos do Estado e dos mais baixos do conxunto da Unión Europea, tendo a produción galega uns parámetros de calidade superiores ao doutros lugares do Estado. Así as industrias lácteas atopan en Galiza unha materia prima barata, de boa calidade, co cal poden pagar prezos superiores a gandeiros doutros puntos do estado, a cambio de comprar o leite galego a prezos inferiores.
Ao longo do ano 2020, as ganderías galegas procederan a renovación dos seus contratos coas industrias, aspecto que vai regular as relacións entre as explotacións e as industrias.
Nos últimos tempos estamos observando como os derivados lácteos sufriron un importante incremento de prezos nos mercados internacionais, especialmente o que se refire o leite en po. Estas subas apenas tiveron incidencia no prezo que recibimos os produtores e produtoras. En consecuencia, neste 2020, as industrias non teñen escusa para non proceder a unha suba considerable dos prezos do leite, tendo en conta o dito anteriormente da suba dos derivados nos mercados internacionais.
Coa chegada do PP á dirección da Consellería do Medio Rural, unha das primeiras medidas adoptadas foi a de liquidar todo tipo de organismo interlocución no sector lácteo, como era a Mesa do Leite, organismo no que se trataban todos os temas que tiñan relación co sector lácteo do noso país.
Igualmente outro tipo de organizacións de produtores creadas cun obxectivo de negociar o prezo do leite entre produtores e industria, até o momento non serviron para ese obxectivo. Seguimos cos sistemas de fixación de prezos de sempre, a industria chégache co contrato a casa, no cal aparece o prezo, os primas e as penalizacións en función dos distintos índices de calidade, e o titular da explotación non ten ningún marxe para poder definir as relacións de comercialización coa empresa. As empresas seguen fixando/impondo os prezos de forma unilateral, sendo totalmente ineficaz, até o momento presente, o papel que tiñan que desenvolver as organizacións de produtores constituídas.
Desde FRUGA consideramos que hai razóns sobradas para que se produza unha suba do prezo do leite ao sector produtor durante os próximos meses, coincidindo coa renovación dos contratos por parte da maioría dos operadores que actúan en Galicia. Igualmente parécenos clave, que empecen a funcionar órganos de carácter interprofesional, como a Mesa do Leite galega, e que as organizacións de produtores cumpran o seu verdadeiro cometido de negociar os prezos en beneficio dos produtores e produtoras de leite de Galiza, impedindo a aplicación de formulas unilaterais por parte das industrias. Asináronse acordos no 2015, e 4 anos despois non sabemos moi ben cales foran os beneficios para o sector produtor, porque a situación, nestes anos, non se viu reflectida en melloras considerábeis.