Terá lugar en áreas afectadas pola proliferación da rata teupa (Arvicola terrestris), animal que tería estragado perto de 1700ha de terreo agrario, e das que o raposo é precisamente o seu principal predador.
Compostela, 16 de xaneiro de 2020.- Este vindeiro sábado 18 terá lugar o XXV Campionato Galego de caza do raposo, organizado pola Federación Galega de Caza, e que se pensa celebrar na zona do Iribio, concretamente entre os concellos de Triacastela e Láncara. Así aparece recollido na publicidade do memo emitida desde a Federación que aglutina ao groso dos cazadores da Galiza.
Neste caso o despropósito non pode ser maior, toda vez que o certame anual, que conta pór no monte mais de trescentas escopetas coa finalidade de abater o maior número de animais posíbel, está pronto celebrarse nunha zona afectada por unha proliferación fóra do común da chamada “rata teupa” (Arvicola terrestris), que tería ocasionado a día de hoxe estragos de perto aos dous millóns de euros, con 1700ha de terreo afectadas. E precisamente é o raposo o principal elemento de control biolóxico desta especie de roedores, polo que unha cacería como a que se propón serviría para agravar aínda mais a situación e facilitar aínda mais a proliferación descontrolada da rata teupa, con o equivalente prexuízo económico para agricultores/as e gandeiras da zona.
A irresponsabilidade da Administración. Ao mesmo tempo que se amparan e patrocinan certames como este, a Xunta promete acometer medidas, a día de hoxe aínda por determinar, e evita dotar orzamentariamente de axudas ás explotación afectadas polos roedores. Evita a Xunta recoñecer e sobre todo protexer o papel fundamental que o raposo, como outros carnívoros e preeiros da nosa rica fauna salvaxe, teñen no mantemento do equilibrio ecolóxico dos ecosistemas dos que fan parte, así como no controlo de múltiples enfermidades que afectan á cabana gandeira galega. Parece pesar mais o cada vez mais cuestionado “aproveitamento” lúdico derivado da entrega da xestión da fauna salvaxe aos colectivos de cazadores, que a defensa e protección de agricultores/as e gandeiros/as obrigados a apandar coas consecuencia da súa actividade.
É por todo isto que, desde a Federación Rural Galega -FRUGA demandamos da Xunta de Galiza a inmediata paralización deste campionato, así como a retirada de calquera fondo público destinado á súa celebración, ao tempo que reclamamos da administración galega medidas urxentes de apoio ás explotacións afectadas pola praga da chamada “rata teupa”.