Ponte-Vedra, 20 de xaneiro de 2020. A Asemblea Xeral da Asociación Galega de Viticultura, que se celebrou o pasado domingo na localidade de Chantada, reelixiu ao barrense Roberto Rivas, viticultor e socio dunha cooperativa na Denominación de Orixe Rías Baixas, como Presidente.
A AGV referenda así o labor que Roberto Rivas leva desempeñando á fronte da entidade durante os seus primeiros dez anos de vida, apostando por pór en valor os viños de todo o territorio galego e por dar voz ás demandas e reivindicacións do sector galego.
Roberto Rivas estará acompañado por Xurxo Álvarez como Vicepresidente, da D.O. Ribeiro; José Crussat da IXP Barbanza e Iria como Secretario; Purificación Caldelas da DO Monterrei como Tesoureira e por Xan Bautista Cambón, da IXP Ribeiras do Morrazo, no papel de Coordinador. Ademais, a Directiva está composta por dez vogais, onde se integran representantes de todos os territorios singulares de produción vitícola de Galiza.
Un dos principais obxectivos que se marcou a Asemblea para esta nova etapa é a consecución da aprobación do territorio do Val do Navia, en Negueira de Muñiz, como IXP, unha figura de protección que dará o respaldo necesario para pór en valor e dar máis visibilidade á altísima calidade vitícola desta zona.
Nesa mesma liña a Asemblea tamén acordou impulsar iniciativas para a posta en marcha dunha figura oficial de protección para outras comarcas vitícolas galegas, como é o caso da comarca da Baixa Limia.
A andaina desta nova directiva vai comezar cunha xuntanza con representantes da Consellería de Medio Rural, que terá lugar os próximos días e que levaba solicitada a carón dun ano. Na mesma daráselle traslado á Consellería do Medio Rural das principais preocupacións e problemáticas do sector, ao entender da AGV, como son: a problemática proposta de reforma da PAC, a repercusión dos aranceis impostos polo Goberno dos EUA ou as consecuencias do Brexit, e outras de carácter interno ligadas ás políticas desenvolvidas pola Goberno da Xunta para o medio rural e o sector vitivinícola.
O Presidente, Roberto Rivas, mostrouse moi satisfeito polo traballo feito pola AGV até agora e recoñeceu que “os retos que o sector ten por diante son moi importantes e poden vir tempos difíciles tras desembarco das grandes multinacionais do viño no noso país, que xa é unha realidade, polo que cómpre estarmos unidos e preservar e facer preservar a calidade dos nosos viños como principal sinal de identidade”.