A intención da Consellería de pór colares GPS ás vacas que fan pastoreo fai pensar que non confía nos e nas profesionais que optan por este modelo produtivo.

FRUGA demanda do señor Conselleiro que calquera tipo de modificación en relación á produción de leite en pastoreo se acorde con todos os axentes do sector.

Lugo, 6 de febreiro, de 2020. As declaracións da consellería do Medio Rural, acerca do novo decreto que regula a produción e comercialización da leite de pastoreo, significan un novo problema para as explotacións que están neste tipo de produción.

Dende FRUGA non nos opoñemos a un regulamento, que defina con claridade o que significa esta práctica, é evidente que é preciso perfeccionar o sistema, o que non entendemos e a intención da Xunta de por colares GPS as vacas, algo insólito, que o único que soamente vai supor son problemas para as explotacións gandeiras, e en moitos lugares até dubidamos da súa cobertura. A parte dos custes que isto leva aparellado para moitos gandeiros e gandeiras que a día de hoxe estamos a producir en base ó pastoreo.

Actualmente en Galicia, hai perto de 800 explotacións lácteas producindo leite de pastoreo, práctica que se está estendendo a outras comunidades do estado, mesmamente en Baleares. Igualmente parécenos unha falla de respecto pór en dubida estas marcas, cando realmente a produción de leite de vacas que saen a pacer é o fenómeno mais natural que pode existir, e ao mesmo tempo contribúe a reducir os custes de produción. Parece ser que a Xunta non confía nin nos gandeiros e gandeiras que producen este tipo de leite, nin nas empresas encargadas de velar pola súa correcta certificación.

Existen marcas de pastoreo, que levan implícito o selo de Galega 100%, co cal non entendemos como se pode dubidar desta trazabilidade. En cambio a propia Xunta debería de preocuparse por axilizar as altas e as baixas no RECALDI(rexistro de calidade diferenciada), que actualmente presenta importantes atrasos na súa xestión.

Si realmente esta produción, ten saída nos mercados, e Galicia presente unhas cualidades físicas, orográficas e climáticas propicias para o pastoreo, o que ten que facer o conselleiro de medio rural e promover este sistema de produción, e non por atrancos para a súa consolidación. Estamos a falar dun modelo produtivo do cal viven moitas familias no rural galego, con prácticas sustentables, que cada día son mais primadas nas novas políticas europeas.

FRUGA exíxelle o Conselleiro de medio rural, que calquera tipo de modificación na normativa reguladora da produción de leite en pastoreo ten que ser consesuada por todos os axentes do sector, e desde logo, se quixera favorecer este tipo de producións o que ten que facer é traballar en políticas de mobilidade da terra, como o banco de terras, ou outras iniciativas. Por outra parte vemos como a superficie agraria útil sigue a descender en Galiza de forma considerábel, cando moitas explotacións aínda que queiran reconverterse ó pastoreo téñeno difícil pola falta de terras, e por parte da consellería mirase para outro lado, permitindo a forestación de terras agrarias.

Porén, nós consideramos que a Consellería tería de promover e facilitar este tipo de producións e non por trabas para a súa práctica. O sistema de colares nos animais non é preciso para controlar se as reses saen a pacer ou non, chega con outro tipo de controles. Actualmente son frecuentes as visitas das empresas certificadoras ás explotacións para comprobar en situ se o pastoreo se está realizando. É evidente que moitas destas explotacións son de tamaño medio, aspecto que parece que non lle gustar á actual dirección da Xunta de Galicia, mas deberían saber que gracias a elas son moitos os postos de traballo directos e indirectos que se crean, e noutros puntos do planeta parece que a produción de leite vai nese camiño. E desde logo non nos parece de recibo que o Conselleiro de medio rural intente cargarse este sistema produtivo.