Para a FRUGA a solución á crise dos prezos agropecuarios pasa por unha negociación que permita regular e intervir nos mercados, así como sancionar a quen non cumpra os acordos.
Lugo, 10 de febreiro de 2020. FRUGA observa como nos últimos tempos se está a dar unha situación de deterioro nas condicións de económicas das persoas que viven do campo. Desde o ano 2016 a renda en termos reais por unidade de traballo no campo, sufriu unha caída dun 11,8%. A suba dos prezos aos labregos e labregas subiu un 0,6%, porén para os e as consumidoras esta suba foi do 4,7%.
Chegouse a esta situación, en parte polo mal funcionamento da cadea alimentaria, e a falla de vontade política para resolver o problema. Desde as institucións estatais preferiuse non enfadar a industria e a distribución, que seguen a presentar importantes beneficios nas súas contas de resultados anuais.
Desde a Federación Rural Galega, parécenos que toda esta serie de problemas soamente se solucionan coa intervención política. A día de hoxe é preciso pór en marcha mecanismos de negociación interprofesional que permitan regular e intervir nos mercados agropecuarios, que traben os abusos da industria e da distribución, do contrario podemos asinar todos os acordos que se queiran, caso do acordo lácteo do 2015, e estes non terán ningún tipo de consecuencia positiva para produtores e produtoras.
A FRUGA non lle vale que a administración agache as súas responsabilidades na “Comisión Nacional de los Mercado y la Competencia” para trabar calquera tipo de acordo interprofesional, que levara implícito unha negociación real dos prezos.
Calquera tipo de acordo, ten que ter unhas garantías de cumprimento, do contrario a administración debe poñer en marcha toda unha serie de mecanismos que permitan sancionar a quen non respecte os acordo asinados, como acontece co acordo lácteo de 2015.
Desde a FRUGA demandamos que na Galiza se restablezan todos aqueles organismo de interlocución que viñan funcionando en cada un dos sectores produtivos até a volta ao goberno da Xunta o PP.