O 1 de febreiro celebramos a nosa Terceira Asemblea Nacional da FRUGA

Vimos de lonxe e vamos para lonxe. Mais dez anos na defensa do rural galego.

Con certo atraso, por certo, damos conta de que o pasado día 1 de febreiro vimos de celebrar a nosa terceira Asemblea Nacional, coincidindo co noso décimo aniversario da nosa constitución, que realmente foi o 28 de novembro de 2009.

No transcurso da mesma aproveitamos o primeiro relatorio a debate para facer un breve repaso destes dez anos de vida, non só da nosa vida como organización, senón para facer un pequeno balanzo do que ten mudado o mundo rural da Galiza, e por desgraza non sempre en sentido positivo, mas ben todo o contrario. O balanzo destes dez anos transcorridos desde a nosa constitución viñeron marcados polo abandono, a despoboación, a desertización e o desmantelamento por culpa da política levada a cabo desde a Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular.

O segundo relatorio dedicámolo a actualizar a nosas bases programáticas, onde abordamos unha breve visión dos nosos sectores produtivos mas tamén lle dedicamos un apartado a analizar un aspecto que está moito de actualidade como é o a xeración de Gases Efecto Estufa e a súa relación coa actividade agropecuaria, sobre todo coa idea de desfacer certos mitos que se están a propagar. Neste relatorio tamén tratamos, desde o punto de vista de unha organización como a nosa, o contexto das relacións políticas e comerciais tanto a nivel do Estado español, a Unión Europea, no referido sobre todo coas propostas de nova PAC, e as negociacións multilaterais de comercio, no que afecta á actividade agropecuaria. E xa mais detidamente analizamos aspectos concretos como a mobilidade da terra, a situación do monte en xeral e do monte veciñal mais concretamente, a interlocución social e a representatividade das organizacións agrarias, e neste punto aproveitamos para deixar constancia da nosa reclamación de que se celebren ELECCIÓNS no campo galego, porque as últimas que se celebraron datan de abril de 2002, mas tamén abordamos as negociacións e as relacións contractuais, o despoboamento rural, a fauna salvaxe, a soberanía alimentar, ou a seguranza social, e neste punto pedimos que se estableza algún tipo de coeficiente redutor co fin de favorecer, por unha parte a xubilación en mellores condicións, e por outra incentivar o relevo xeracional.

Xa no terceiro relatorio debatemos sobre os obxectivos de futuro tendo de conta a realidade que viñamos de analizar nos anteriores relatorios, para finalizar viñemos a efectuar unha renovación dos estatutos, unha modificación formal consecuencia do paso do tempo.

Finalizamos esta Asemblea Nacional, procedendo a renovar a Xunta Directiva coa incorporación de 14 novos e novas compañeiras, recaendo, de novo, a presidencia da nosa organización no compañeiro, viticultor do Ribeiro, Xurxo Álvarez e o resto de cargos representativos recaeron en Manuel da Cal como coordinador; Elías Somoza coordinador de sectores pecuarios; Gabriel López sectores agrícolas e agricultura ecolóxica; Roberto Ribas sector vitícola; Xan Bautista Cambón tesoureiro e Iván Bello como secretario adxunto ao coordinador.

Finalizamos a xornada cun xantar homenaxe a todas aquelas persoas que co seu traballo e dedicación fixeron posíbel o renacemento do agrarismo nacionalista de mediados dos anos setenta e principios dos oitenta do século pasado. Porque como di unha canción do músico portugués, José Mário Branco, nós vimos de lonxe e vamos para lonxe.

Isto trasladado á nosa historia quere dicir que a FRUGA ven de lonxe e ten vontade de continuar. E vimos de lonxe porque a FRUGA non nace por xeración espontánea nin é produto de catro visionarios coa mente iluminada. En verdade somos debedores dun colectivo que por volta dos anos 70 puxéranse maos a obra de reconstruír o movemento agrario nacionalista aniquilado co golpe de estado franquista de 1936. Primeiro cos Comités de Axuda á Loita Labrega (os CALL), etapa na que sobresaen nomes como os de Ramón Muñiz, Moncho Valcarce, Moncho do Carballiño ou Xosé Lois Ledo Andión, para logo dar lugar ás Comisións Labregas, xa con labregos organizados como Aristóbolo Quinteiro, Eduardo Míllara, ou Fiz de Sarria.

Figura destacada de todo este período é a de Emilio López Pérez “O Milucho”, que nos acompaña desde as primeiras loitas labregas contra a cota empresarial, pasando polas que enfrontamos contra as do leite até os nosos días como cofundador da FRUGA, sen esquecer os seus anos de parlamentar no Parlamento galego e logo como Delegado da Consellería do Medio Rural do BNG.

Por toda esta dilatada historia dedicada a loitar pola dignidade do mundo rural e pola das populacións que nel viven e traballan é polo que se decidiu na FRUGA dedicarlle, na súa figura, este homenaxe a toda esta xeración.