A modificación da Lei da Cadea Alimentar só suporá un avance se se establecen mecanismos efectivos de sanción

FRUGA demanda do Goberno Galego o restablecemento das mesas de negociación con capacidade de chegar a acordos de prezos que garantan unha vida digna.

Lugo, 27 de febreiro de 2020. FRUGA considera que a aprobación do Real Decreto para modificar a Lei da Cadea Alimentar só suporá un avance se se establecen mecanismos efectivos de sanción que garantan o seu cumprimento.

Desde a Federación Rural Galega sempre demandamos un proceso negociador, a través das mesas de negociación na Galiza con capacidade para chegar a acordos de prezos que garantan unha vida digna. Nestes Real Decreto, observamos como un avance positivo, a prohibición de venda por debaixo dos custos de produción, algo que levamos demandando desde fai anos, mas o concepto de custes de produción ten de abarcar todos os custes aos que ten de facer fronte o sector produtor como poden ser as amortizacións ou os custes de persoal, entre outros.

Cando se falaba de fixación de prezos, o argumento que se esgrimía desde o goberno, era que este tema contradicía as normas do tribunal de competencia. Parta que esta nova lexislación sexa efectiva non se deberán ter en conta todas as recomendacións emanada da CNMC contrarias ao establecemento de prezos porque do contrario esta nova normativa ficaría sen efecto práctico algún.

Nos últimos tempos, desde a aprobación do paquete lácteo, e os acordos do ano 2009, e posteriormente o acordo de valorización do leite do ano 2015, observamos que os prezos que se lle pagan os produtores seguen a ser baixos, e na maioría dos casos non cobren os custos de produción definidos polo propio ministerio de agricultura.

Cada día a distribución alimentaria está concentrada en menos empresas, co cal vemos como o dominio destes grandes lobys é maior. A intervención política no fixación de prezos, na regulación dos mercados, é clave á hora de evitar os abusos da industria e especialmente da distribución, e para elo o goberno central ten que facerlle fronte as políticas económicas neoliberales, nas cales os beneficios empresariais son a única meta a conseguir, a cambio de afogar os labregos e labregas deste país. Casos como o do sector lácteo son un claro exemplo destas políticas, que nos últimos tempos sufriu un claro abandono no que respecta ao numero de produtores, e boa parte dos que quedan teñen que soportar importantes débedas.