A FRUGA reclama a rectificación da Xunta para garantir o funcionamento de feiras e mercados alimentares

Estase a suspender a celebración das feiras e mercados tradicionais e de proximidade por mor do coronavírus.

Xermade, 14 de marzo de 2020.- A recen declarada pandemia do covid-19 está a coller á administración autonómica, en maos do Partido Popular, a contra-pé. Nun primeiro momento foron as administracións locais as que comezaron a tomar distintas medidas, moitas veces levadas polo alarmismo e a psicose colectiva; entre esas medidas e case de xeito xeneralizado, a expresa prohibición de celebrar as feiras e mercados tradicionais de alimentación.

Do paquete de accións presentado por Feijoo entendese que estas actividades ficarán tamén entre as suspendidas por parte da administración autonómica. Ao mesmo tempo a Xunta enfatiza que o abastecemento alimentar está garantido e blinda a apertura de grandes áreas comerciais, supermercados e hipermercados. Precisamente nestes estabelecementos está-se a vivir xa as primeiras situacións de tensión, toda vez que numerosos produtos desaparecen dos andeis segundo son repostos, e, en moitos casos, tal reposición x non se produce, polo que o desabastecemento está servido apenas a unhas horas da declaración da situación de alerta nunha mestura entre a psicose e o medo aos desabastecemento na poboación galega sumada á irresponsábel afluencia de moradores das comunidades mais afectadas polo virus fuxindo dunha eventual corentena (nomeadamente Madrid).

Desde a FRUGA non entendemos como no medio desta situación se prohibe a actividade de feiras e mercados, se, como di o señor Presidente da Xunta, o que se ten que primar a día de hoxe, no medio das distintas restricións de movemento e reunión, é o aceso da poboación á alimentación.

Quen coñece este país sabe das súas singularidades e da importancia das feiras e mercados periódicos no nosos modelo alimentar e de consumo. Ademais se algo caracteriza a estes eventos é a súa celebración moitas veces ao ar libre, (algo supostamente menos problemático á hora de producirse o contaxio polo virus covid-19) e com unha circulación de persoas nada comparábel ás longas e apertadas ringleiras que se están a producir nas caixas de pago dos supermercados. Ao mesmo tempo con estas medidas milleiros de labregos e labregas, que teñen o seu medio de vida na venda directa das súas produción, vámonos ver absolutamente desamparados pola Administración, sen poder dar saída aos nosos produtos e, por tanto, sen ter ingresos mentres duren estas medidas que desde algúns medios dan por feito que pode durar varios meses.

É por isto que desde a Federación Rural Galega exiximos a inmediata rectificación da Xunta no sentido de garantir a realización das feiras e mercados das nosas vilas e cidades, con carácter exclusivamente alimentar, co mesmo afán que asegura a apertura das cadeas de distribución da grande industria alimentar, implementando as medidas necesarias para o seu correcto funcionamento no marco da alerta sanitaria na que estamos inmersos e inmersas.

A tal fin desde a FRUGA dirixirémonos directamente ao señor Presidente da Xunta de Galiza co obxectivo de transmitir o noso malestar e obter unha resposta que non pode ser outra que garantir de maneira efectiva o aceso real da poboación ás canles habituais de fornecemento de alimentos, sen que esta crise serva para debilitar aínda mais aos agricultores e agricultoras que venden directamente as súas producións, ao pequeno comercio local e de proximidade, e de paso aumentar os beneficios económicos das grandes cadeas de distribución.