Critican como insuficiente a comercialización de producións galegas a través de grandes distribuidoras e instan á Xunta a exercer un papel activo na compra pública de alimentos.
O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (FRUGA) veñen de rexistrar na Consellaría de Medio Rural unha proposta de protocolo para regular a celebración de mercados alimentarios de proximidade na Galiza mentres dure o estado de alarma pola pandemia do Covid-19. Neste protocolo corríxense numerosos aspectos do xa redactado pola Administración para garantir a seguridade tanto de consumidores e consumidoras como de produtores e produtoras.
Coa aplicación deste protocolo, non só se garantirán esas condicións de seguridade devanditas, senón que serán superiores ás de calquera supermercado, xa que é moito máis restritivo e estrito en cuestións como as distancias, o uso de cartos en metálico ou a manipulación dos alimentos. Isto reforzará avantaxes comparativas dos mercados de proximidade como o feito de celebrárense ao aire libre ou en grandes espazos como prazas de abastos, ou non existir intermediarios entre a produción e o consumo final.
Cómpre lembrar que hai miles de familias labregas cuxos ingresos, na maior parte, dependen destes mercados de proximidade; da mesma maneira que dependen miles de familias consumidoras que teñen nas producións locais o seu principal recurso para encher a cesta da compra. Neste senso, cómpre lembrar que hai producións, como a de planta para horta, que dependen completamente das feiras e mercados para vender e ás que a prohibición está a causar un dano irreparable, xa que o seu produto é moi perecedoiro e estacional.
Por outra banda, dende o SLG e dende a FRUGA pensamos que as hortas de autoconsumo deben ser consideradas como unha actividade esencial, sen atrancos en forma de distancias mínimas con respecto ao domicilio, xa que na Galiza é a principal opción de miles de familias para obter alimentos frescos, por diante de comercios e supermercados.
Finalmente, diante do anuncio da Consellaría de Medio Rural de comprometer a varias cadeas de distribución a mercar produtos galegos, dende o SLG e FRUGA pedimos que esas compras se fagan cuns prezos mínimos dignos garantidos. Até agora, as restricións do estado de alarma só serviron para que as grandes cadeas de supermercados aumentasen aínda máis a súa posición de dominio do mercado en detrimento da venda directa que, unha vez máis, volveu ser a grande discriminada e damnificada por unhas medidas administrativas claramente discriminatorias. Por iso, dende o SLG e a FRUGA tememos que o que en principio podería ser unha medida positiva, no fondo sirva para afianzar o papel da grande distribución como fornecedor único de alimentos primarios, ademais de abastecerse a baixo prezo aproveitando a situación de extrema debilidade da parte produtora na cadea de valor nesta crise e a inexistencia de normas que obriguen a pagar prezos mínimos. A maiores, consideramos que se trata dunha medida insuficiente, xa que exclúe o pequeno comercio e non contempla a compra pública de alimentos para fornecer hospitais, residencias de maiores, etcétera.
De seguido, compartimos con vós o protocolo presentado diante da Consellaría de Medio Rural coa intención de que reabra os mercados alimentarios de proximidade. Cómpre lembrar que é a Xunta de Galicia a que ten competencias para regular e autorizar estes mercados e seguimos sen comprender a súa teima en prohibilos cando estamos vendo como outras comunidades autónomas como Cataluña ou Euskadi xa os reabriron ou outras como Baleares non os chegaron a pechar e reguláronos dende o inicio das restricións.