Tamén no viño: Consumir do noso, apoiar Galiza e as súas xentes.

Desde o primeiro momento da nosa constitución, a Asociación Galega de Viticultura-AGV ven porfiado en campañas de promoción dos viños galego. Agora é o momento de reforzar o chamamento a a galegas e galegos a mercar, recomendar e consumir viño e licores galegos.

Barro, 22 de abril de 2020. Desde que o 14 de marzo se declarou o estado de alarma, coas medidas extremas de confinamento da cidadanía e o peche dos principais puntos de venda dos viños e licores das adegas galegas, por parte da AGV veuse alertando da grave crise económica que estas medidas, xunto co peche das exportacións, supoñen para o sector vitivinícola galego: sen acceso aos canles de venda, sen posibilidade de parar os traballos nos viñedos e adegas (e polo tanto tendo que facerlle fronte aos custos destas actividades) e fóra da posibilidade de acceder ás medidas económicas que algunha administración foi tomando para a xeneralidade das empresas, e persoas autónomas e traballadoras, o sector vitivinícola, e nomeadamente as adegas, quedaron contra as cordas e moitas delas ven comprometida gravemente a súa continuidade.

Desde a AGV non só se puxo de manifesto a grave situación que viña enriba do sector, senón tamén se dou traslado dalgunhas propostas, a levar a cabo pola Consellería do Medio Rural, destinadas a que as adegas puidesen facerlle fronte a esta crise.

Despois de case seis semanas de confinamento nos domicilios, de paralización da actividade na hostalería, restaurantes, cafeterías… e coa exportación practicamente paralizada pola situación da pandemia a nivel mundial, o sector segue a agardar da administración a adopción de medidas reais, que non conleven a súa entrega nos brazos da banca, axeitadas ás súas características, que vaian máis aló de campañas mediáticas de auto-propaganda, e que lle permitan resistir nesta situación ademais de preparar axeitadamente a saída da mesma e o tránsito polo baldío económico, e os cambios sociais e de costumes, que os expertos anuncian que virán durante a chamada “desescalada” e máis aló.

Só nas zonas protexidas, como son as Denominacións de Orixe (DO) e as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), o valor económico dos viños, augardentes e licores tradicionais elaborados na Galiza supuxo no ano 2018 uns 211 millóns de euros, pero máis importante que isto é que foi a fonte de ingresos para 13.414 viticultores e viticultoras, mantivo activo un tecido de 685 iniciativas empresariais (adegas de distinto tamaño, elaboradores, etc), sen falar da distribución, restauración, etc.

Pódese argumentar o potencial do noso sector vitivinícola para o seu crecemento, a súa importancia para a economía galega de futuro, ou moitos outros argumentos de tipo académico, técnico ou económico, pero en momentos de crise sistémica como é o actual, no que a capacidade de resistencia e superación dos pobos, de gañar o futuro, tamén se basea na auto-confianza e posta en valor dos propios recursos sociais e territoriais, é a hora que todas nos involucremos solidariamente e apoiemos ás persoas, ás familias, que forman o noso tecido produtivo, que crean emprego e riqueza no territorio. E aquí a solidariedade empeza por consumir dos produtos producidos e elaborados no noso territorio, na nosa veciñanza, na nosa proximidade e en moitos casos por xente que coñecemos ou da que sabemos de quen ven sendo…

Por iso, desde a Asociación Galega de Viticultura porfiamos nunha das campañas base que desenvolvemos dende os primeiros momentos da nosa constitución, e chamamos ás galegas e galegos a mercar, recomendar e consumir viño e licores galegos.