O Sector vitivinícola galego segue a demandar medidas para facer fronte á nova situación socioeconómica creada polo coronavírus.
Barro, a 5 de maio de 2020. Nestes días os responsables da administración do estado e da Xunta de Galiza comezaron a transmitir mediaticamente que situación de crise sanitaria empeza a estar controlada, e empezaron as discusións entre os líderes políticos sobre de si debe renovarse o estado de alarma, máis aló do día 10 de maio, e como facer o proceso que se deu en chamar “desescalada” para a tamén bautizada como “nova normalidade”.
Esta situación que, teoricamente en principio, permite empezar a ver a saída do túnel para a sociedade e a actividade económica galega, no caso do sector vitivinícola da Galiza non achega factores, e feitos, que permitan empezar a despexar as incógnitas sobre a viabilidade económica futura para moitas iniciativas, privadas e colectivas, que naceron nos últimos anos nun dos sectores económicos máis puxantes antes da crise sanitaria en Galiza.
Dende a declaración do estado de alarma sanitaria, e xa vamos para case dous meses, por parte da AGV-FRUGA veuse solicitando da Consellería do Medio Rural do Goberno Galego, que é quen ten ás competencias na materia, que se traballara en dous eixos que entendemos fundamentais para a xestión da crise económica que se veu enriba e que pode pasar unha factura moi cara ao sector se a administración galega non ten unha actuación clara e definida de apoio a esta actividade económica e aos seus axentes. Facendo memoria estes eixos son:
-
Habilitación de liñas de axudas (fiscais, financeiras, de apoio ao mantemento de emprego…) que permitan facerlle fronte aos gastos en que se incorren (xa que a actividade agrícola non se pode paralizar), e a falta de ingresos (porque as vendas si que se paralizaron co peche do canal HORECA e as exportacións.
-
Elaboración dun plan de apoio ao sector vitivinícola para o “día despois”. Un plan que apoie a valoración dos nosos viños entre os consumidores, dentro e fóra de Galiza, e a recuperación do consumo
Neste tempo, máis aló de algunha declaración aos medios de comunicación, a algunha medida que parece máis pensada para abrirlle outra liña de negocio á banca que de verdadeira axuda aos axentes do sector vitícola galego, ou algunha iniciativa máis mediática que de base real para afrontar os problemas, non se teñen producido avances claros e concretos na cimentación de liñas de traballo nas que o sector se poida apoiar para reconstruír o seu futuro.
Nestes momentos, cos prazos que se están a manexar para a “normalización” da actividade económica e social, e coa ameaza de posibles rebrotes da pandemia de cara finais do presente ano, a situación para o sector lonxe de irse aclarando vaise volvendo máis preocupante.
No mes de setembro podemos atoparnos que as adegas inda non teñen dado saída ao viño de colleitas anteriores, pero xa terán enriba a vendima do presente ano e sen capacidade física de almacenamento para ela, perante desta situación faise necesario que por parte da administración galega se habilite un plano que permita dar saída aos excedentes almacenados nas adegas.
Nese momento a crise, que agora golpea principalmente nas vendas das adegas, chegará tamén ás persoas viticultoras que se verán coa uva nas vides e sen que ninguén llas merque ou lles ofrezan prezos por debaixo dos custos de explotación, co fin de evitar que se chegue a estes extremos desde a AGV-FRUGA, propomos a instauración dos contratos homologados ligados a un prezo que cando menos cubra os custes de produción. É dicir: todo o sector vitivinícola galego, do que dependen moitas familias, estará nunha profunda crise que afondará máis na grave situación de abandono e despoboamento que sofre o noso rural. Para establecer a estratexia a seguir perante a nova vendima, nas distintas DO e IXP, desde a AGV-FRUGA consideramos conveniente a convocatoria das mesas do viño das distintas áreas xeográficas.
Estamos a moi poucos meses de que a situación no sector vitivinícola galego suba un chanzo máis da grave crise económica en que está actualmente, por mor das medidas adoptadas para facerlle fronte á crise sanitaria, e que se suma a outros problemas estruturais internos e externos que de por si xa tiña que enfrontar.
Dende a AGV-FRUGA segue a facerse un chamamento ao Conselleiro do Medio Rural, e por elo tamén ao Presidente da Xunta de Galiza, para que facendo uso das competencias que teñen asumidas se desenvolva, a traveso do diálogo co sector, un Plan Estratéxico Vitivinícola Galego.
Un plan no que teñan cabida tanto as necesidades das adegas como as das persoas viticultoras. No que se habiliten liñas de axudas directas da administración ás persoas viticultoras e adegas para facerlle fronte á situación de crise económica, actual e dos meses posteriores na fase de entrada na “nova normalidade”, iniciativas de promoción e consumo dos viños galegos tanto a nivel interno como externo, a posta en marcha dun Observatorio Galego de Prezos que permita ter datos para o establecemento de contratos homologados con prezos entre viticultores e adegas, ligando as axudas ao establecemento dos mesmos, así como as medidas que se estimen necesarias para revitalizar o sector.