A Federación Rural Galega (FRUGA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) queremos expresar o noso máis enérxico rexeitamento ao torpedeo permanente que a Delegación do Goberno en Galiza está a perpetrar contra calquera iniciativa relacionada coa reactivación dos mercados alimentarios de proximidade ao prohibir, a través da Subdelegación da Coruña, a celebración de feiras de produtos labregos en vilas como Carballo, Sada, Teo ou Betanzos.
A prohibición dos mercados de proximidade xerou unha forte contestación social apoiada por un cento de colectivos e organizacións na Galiza e por máis de 700 a nivel estatal. En resposta ao forte rexeitamento provocado pola prohibición, a través dunha orde publicada pola Consellaría de Medio Rural tras acordalo co Ministerio de Agricultura, permitiuse a celebración de mercados non sedentarios de alimentos labregos na Galiza, baixo un estrito protocolo sanitario, a partir do 4 de maio. Semanas antes, comunidades como Euskadi, Navarra ou Cataluña, xa permitiron a celebración destas feiras periódicas que ofrecen maiores garantías sanitarias que calquera supermercado; e, dende o inicio do estado de alarma, comunidades como Illes Balears regularon a celebración dos mercados labregos sen chegar a prohibilos. Ningunha delegación do goberno destas comunidades chegou a opoñerse a estas decisións.
A postura da Delegación do Goberno en Galiza demostra un profundo descoñecemento da realidade galega, onde este tipo de mercados están moito máis arraigados e son máis numerosos que en calquera das comunidades que si están permitidos. Tamén evidencia un absoluto desprezo por miles de familias labregas que viven de comercializar directamente as súas producións. A Delegación do Goberno en Galiza fai gala dunha escandalosa inopia en temas relacionados con agricultura, pois este tipo de mercados, ao limitarse só á venda directa por labregos e labregas que producen o que venden e que teñen que estar de alta no Sevedi (Sección de Venda Directa), teríanse que facer cunha redución drástica do número de postos habituais a instalar que facilitaría o cumprimento do protocolo sanitario estipulado pola Xunta.
Pola súa manifesta incapacidade para exercer con equidade o cargo, polo seu flagrante analfabetismo respecto da realidade galega e do mundo rural, pola clara discriminación á que someten Galiza con respecto a outras comunidades as súas prohibicións inxustas e absurdas, dende o Sindicato Labrego Galego e a FRUGA pedimos a dimisión do delegado do Goberno en Galiza, Javier Losada, e o levantamento de calquera prohibición que contradiga a norma ditada pola Xunta respecto dos mercados non sedentarios de alimentos labregos.
Ademais, dende o gabinete xurídico do SLG estudarase a posibilidade de emprender accións legais para que o Goberno ao que representa esta Delegación responda das perdas millonarias que están a sufrir miles de familias labregas na Galiza por unha prohibición arbitraria, discriminatoria, innecesaria e inxusta dende o minuto un do estado de alarma.