Para nós e motivo de satisfacción que o Conselleiro coincida en boa parte coa nosa análise, mas temos de lle lembrar que ten todas as competencias en política agraria o que lle obriga a dar solucións
Barro, 11 de xuño de 2020. Con data do 10 de xuño o BOE publica o RD 557/2020 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación coas medidas extraordinarias no sector do viño para facerlle fronte á crise causada pola pandemia COVID-19. Estas axudas só teñen tres liñas dirixidas a:
-
Destilación voluntaria para viños en granel cun grado alcohólico mínimo do 11%.
-
Almacenamento privado voluntario de viño.
-
Colleita en verde da totalidade dos acios de uvas, mentres están inmaturos, en parcelas superiores a 0,3 has.
Dende o primeiro momento en que, en distintos foros, se empezou a barallar a idea de enfocar por esta vía as posibles axudas, dende a AGV manifestouse que estas axudas están pensadas para a vitivinicultura que se desenvolve noutros territorios do estado español, e que para nada se corresponden coa nosa realidade e non resolverán os graves problemas actuais das nosas adegas, persoas viticultoras e Consellos Reguladores das DO.
A raíz das últimas manifestacións do Conselleiro do Medio Rural, en funcións e xa metido na carreira preelectoral, é motivo de satisfacción para a AGV ver que existe coincidencia en boa parte da análise que facemos do irrelevantes que van ser, estas medidas extraordinarias do Ministerio, para a recuperación do sector do viño galego.
Agora ben, dado que o Conselleiro do Medio Rural é quen ten as competencias sobre as liñas políticas a desenvolver para o apoio e desenvolvemento dos distintos sectores que teñen a súa base económica no noso rural, e ademais é o interlocutor que teñen estes sectores diante da administración do estado, sería bo coñecer de primeira man, do responsable da Consellería, aspectos como:
-
Que propostas se trasladaron ao Ministerio no proceso de diálogo/negociación previo á aprobación do RD 557/2020, e o impacto estimado das mesmas nos distintos axentes do sector do viño.
-
Unha vez aprobado este RD, que vai ser papel mollado para Galiza, que medidas ten previsto adoptar o Conselleiro en defensa do sector do viño galego e da lexitimidade, e necesidade, que o mesmo teña acceso á parte do desembolso económico que lle corresponda, non só polo peso específico no conxunto do estado español, senón polo que representa para manter un rural que se nos está esvaendo entre as mans por falta dunhas políticas decididas para o seu desenvolvemento.
-
Que plan de traballo e que medidas, dentro das competencias asumidas pola Xunta de Galiza, están previstas para facerlle fronte á crise económica en que está o sector do viño pola pandemia do COVID-19, pola guerra comercial dos EUA, pola reforma da PAC, etc.
E faise necesario, nestes momentos máis ca nunca, xa que non vaia ser que as declaracións só respondan ao fume da campaña electoral pero non exista nada tanxible previsto, por parte da administración actual da Xunta de Galiza, co que os axentes do sector do viño galego poidan enfrontar a recuperación e o futuro con algo de apoio real. Que a ilusión e a vontade xa as poñen eles no día a día do seu traballo. Por parte da AGV seguirá enriba da mesa a súa vontade de diálogo e as súas propostas construtivas en defensa das persoas, e entidades, que teñen neste sector a súa base económica.