Ourense, 19 de xuño de 2020. A Federación Rural Galega – FRUGA vimos de presentar hoxe mesmo escrito perante a Xunta Electoral de Zona do Ribeiro de posta en coñecemento de posíbel infracción ou delito electoral cometido pola Consellería do Medio Rural e da Deputación de Ourense por uso partidista con fins electorais de medios públicos para a loita contra incendios forestais e a súa prevención.
O pasado día 15 de xuño os señor Conselleiro do Medio Rural e o señor Presidente da Deputación Provincial de Ourense realizaron un acto político-partidista no medio de un monte situado entre os concellos ourensans de Leiro, Avión e Melón, anunciado a bombo e platillo aos medios de comunicación.
O acto tiña como obxectivo aparentemente dar a coñecer a cooperación entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galiza en materia de prevención de incendios forestais. Para este acto de propaganda a Consellería do Medio Rural mesmo mobilizou dous tractores, algún deslocado desde a provincia de Pontevedra, así como dúas brigadas de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios.
Curiosamente dá-se a circunstancia que nestas comarcas do Carballiño e do Ribeiro a día de hoxe aínda non existe un PLAN de PREVENCIÓN de INCENDIOS FORESTAIS de Distrito tal e como obriga a Lei de Prevención de Incendios Forestais desde fai cando menos 10 anos, polo que desde a FRUGA consideramos que este acto o único que perseguía era facer un ACTO PROPAGANDÍSTICO perante dos medios de comunicación en días previos ao comenzo dunha campaña electoral.