INLEIT, a planta transformadora láctea de Curtis que conta con todas as bendicións do Presidente da Xunta de Galiza, comunica baixadas de prezo.

O sector lácteo galego necesita contar con proxectos nacidos na Galiza e desde Galiza que garantan prezos dignos e maior valor acrecentado e non proxectos especuladores.

Lugo, 1 de xullo de 2020. As ganderías galegas, subministradoras de leite da empresa INLEIT de recente creación, en torno a 200, están a recibir estes días unha serie de comunicacións nas cales se lles informa dunha baixada considerábel do prezo, que se aplicará a partir deste 1 de Xullo.

Concretamente observamos como se está a falar de prezos de 0,29 cts litro de leite, podendo chegar no futuro a un prezo máximo superior, sempre e cando a cotización dos derivados lácteos suba nos mercados lácteos internacionais.

Desde FRUGA parécenos unha falla de respecto que unha industria láctea como esta, modifique as condicións contractuais de forma totalmente unilateral, invitando aos gandeiros e gandeiras a marcharse senón están de acordo cos novos prezos. A maiores pensamos que esta maneira de proceder non respecta a lexislación vixente, na medida en que non se respectan os prazos, e por outra parte as modificacións só se poderán facer sempre que o novo contrato supoña mellorar as condicións para o sector produtor en relación ao volume de entregas, prezo ou duración do contrato.

Non estamos a falar dun empresa láctea calquera, senón que estamos a falar de INLEIT, da empresa que o señor Feijoo, presidente da Xunta, visitou o pasado 23 de Xuño, anunciando unha recollida diaria de 700000 litros, e que desde o primeiro momento se anunciaba como se fora a chegada do Plano Marshall para o sector lácteo galego. Foron numerosos os anuncios da propia consellería do Medio Rural, louvando a capacidade de recollida e de procesado desta industria. Eran frecuentes as xuntanzas que diversos alcaldes pertencentes ao Partido Popular realizaban cos gandeiros dos seus concellos para comentarlles as grandezas deste proxecto. E agora gustaríanos saber onde está o señor Feijoo, o conselleiro de Medio Rural, e eses rexedores municipais que tanto nos venderan as vantaxes desta industria.

A chegada do señor Feijoo á Xunta de Galiza, supuxo unha importante novidade no sector lácteo galego, a creación da empresa Alimentos Lácteos e todos sabemos como rematou o proceso, deixando un importante de regueiro de débedas entre as explotacións leiteiras galegas. No 2016 anunciábase por parte do partido no goberno que esta sería a lexislatura do rural, pasados os 4 anos, voltamos a ver como a súa empresa estrela, volta a baixar os prezos do leite, e non respecta para nada os custos de produción.

Desde FRUGA observamos como a política da Xunta de Galiza no sector lácteo foi de mal en peor, e agora ante un problema desta magnitude, exixímoslle ao señor conselleiro do Medio Rural a súa inminente intervención. Non fai moitos días díxosenos, que esta empresa suporía importantes beneficios para as ganderías lácteas galegas, agora é o momento de demostralo, do contrario está a falar dunha falsidade que se emprega unicamente con fins electoralistas.

Igualmente desde FRUGA poñemos a disposición de todos os gandeiros e gandeiras afectados, tanto directamente pola empresa de Curtis, como por outras empresas subministradoras de leite desta planta. Estamos a falar de parar os abusos dalgunhas centrais, polo que reclamamos unha actuación decidida por parte da propia Xunta de Galiza.