A AGV-FRUGA demanda a convocatoria da Mesa do Viño para tratar da concreción da medida “Préstamo Vendima” anunciada recentemente polo señor Conselleiro

A AGV-FRUGA demanda ao Conselleiro de Medio Rural que o anunciado “préstamo vendima” se traduza nunha axuda real para as persoas viticultoras e as adegas, pequenas e grandes, e non só un negocio para a banca, e reitéralle a urxencia da necesidade de elaborar protocolos de actuación fronte á COVID19 para afrontar a próxima vendima.

Barro, 4 de agosto de 2020. Seguindo na liña habitual da Consellería do Medio Rural de sacar periodicamente grandes titulares de prensa sobre accións dese departamento en apoio a distintos sectores produtivos do rural galego, o pasado domingo o Conselleiro de Medio Rural anunciou unha nova medida estrela: o que chamou o “préstamo vendima”.

Segundo se definiu o préstamo vendima é un instrumento financeiro que “terá unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución”. Dito así, e inda sen saber cales son esas “condicións moi vantaxosas”, o que parece claro é que o primeiro sector que se vai beneficiar desta medida é o da banca, co incremento do seu volume de negocio á conta das adegas e persoas viticultoras galegas.

Non se está a falar de liñas directas de axudas, como están a recibir outros sectores económicos dende o primeiro momento da crise sanitaria e coincidindo co peche da súa actividade, segundo o propio titular de prensa é un préstamo para financiar os traballos da próxima vendima.

Nada se dixo da letra pequena dese préstamo: nin das condicións de acceso ao mesmo (que adegas van poder acceder e que requisitos se lles vai esixir para iso), nin do propio custo financeiro que lles pode supoñer para as súas caixas.

Tampouco nada se dixo das teóricas obrigas que supoñerá para as adegas con respecto ás persoas viticultoras en temas fundamentais como son a garantía dun prezo mínimo para a uva, que garante a viabilidade económica das súas explotacións, ou os prazos para efectuar o pago, asuntos que terían de ser previamente debatidos mediante a celebración da Mesa do Viño.

E por suposto tampouco nada se dixo, máis aló da declaración de intencións de reforzar a marca Galicia Calidade, das medidas necesarias de apoio a este sector, que é un piar económico fundamental para o noso País, para abrir mercados e acometer as necesarias reformas estruturais que lle permitan afrontar un futuro que, hoxe por hoxe, ten un grado elevado de incertezas e non só pola crise sanitaria e económica, tamén están pendentes (inda que non se fale deles) asuntos como: a reforma da PAC, a guerra comercial cos EUA, etc.

Hai que recordarlle tamén ao Conselleiro do Medio Rural que por parte do seu departamento, en coordinación coa Consellería de Sanidade, ten unha materia pendente: a elaboración de protocolos de actuación para as explotacións agrogandeiras e forestais fronte ao COVID19. Protocolos que sirvan de referencia aos produtores na situación actual de tránsito cara a “nova normalidade, e que serán vitais na hora da vendima.

Protocolos que dende a FRUGA se lle solicitaron, en escritos dirixidos aos Conselleiros do Medio Rural e Sanidade, con data do 17 de xullo e dos que inda non se obtivo resposta. Dado que o Goberno do Estado confirmou no día de onte que lle ten presentado ás CCAA unha guía de recomendacións para minimizar o risco de transmisión da COVID19, e tendo en conta a costume do Goberno da Xunta de Galiza de “xogar á contra” con Madrid, temos a esperanza que con ese pulo nos próximos días se poida ver algún titular de prensa nese sentido. Mentres tanto os distintos sectores produtivos do rural galego seguirán traballando por sacar adiante as súas explotacións, o que significa axudar a construír un futuro mellor para Galiza, porque de agardar a quen non vén non se tira proveito.