A FRUGA denuncia a ausencia de iniciativas do Goberno de Feijóo que sirvan de referencia para os produtores do sector vitícola na situación actual de emerxencia sanitaria pola COVID19.
Barro, 25 de agosto de 2020. Desde a FEDERACIÓN RURAL GALEGA – FRUGA entendemos que é obriga do Goberno Galego, a través das Consellerías que teñen competencias na materia como son as de Sanidade e Medio Rural, elaborar un catálogo de medidas preventivas e protocolos de actuación fronte ao COVID19 para os distintos traballos e actividades dos sectores agropecuario e forestal, que veña a servir de guía e marco de referencia para as pequenas explotacións, persoas autónomas e pequenas empresas de servizos que teñen a súa actividade nestes sectores.
Por elo a FRUGA meteu por rexistro, o 17 de xullo, senllos escritos dirixidos aos Conselleiros de Medio Rural e Sanidade, no que se lles solicitaba que por parte dos seus departamentos, que son os competentes nas materias da actividade agrogandeira no rural e a sanidade, se elaborarán os catálogos de medidas preventivas e protocolos de actuación fronte ao COVID19 adaptados á realidade produtiva das explotacións dos miles de pequenos produtores do sector agroalimentario galego.
Duns “xestores” públicos non cabería ter a necesidade de recordarlle cousas tan básicas como esta en referencia á seguranza sanitaria da súa poboación, pero por responsabilidade desde a FRUGA consideramos que non estorbaba pór o tema enriba da mesa.
Desde ese escrito, e como é habitual, a calada por resposta e a inacción. Que algúns só saen a dar roldas de prensa para botarlles a culpa dos problemas aos outros, pero facer uso das súas responsabilidades e competencias pouco. Debe ser cansado…
Agora metidos no comezo da vendima, e cunha preocupante escalada de contaxios en toda Galiza e non só nas zonas máis urbanas, a medida estrela é unha “ Solicitude de información empresas agrícolas para cribado de infección polo SARS-CoV-2 en traballadores temporeiros” feita pola Consellería de Sanidade e que chega aos Consellos Reguladores das Denominación de Orixe(DO) de viños galegas, e ás adegas inscritas nas Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP).
Seguimos sen baixar á realidade do País e practicando o mimetismo do que están a facer noutros territorios do estado que teñen unha realidade social, e un tecido produtivo, moi distinto do noso.
Estando ben facer os PCR preventivos aos traballadores “temporeiros”, o mundo da vendima non se acaba aí: hai familiares, veciños, amigos e coñecidos que nas pequenas e medianas explotacións agrarias colaboran, dun xeito tradicional e ancestral, nestes momentos punta de traballo na colleita. Que pasa con toda esa xente? Non interactúan entre eles? Nin co resto dos traballadores “temporeiros”?
Esta analítica dará información do estado de saúde deses traballadores o día que lle saquen a mostra, pero iso non é establecer un sistema preventivo para diminuír o risco de contaxio.
As “empresas” (supoñemos que se refiren ás adegas e explotacións) medianas e grandes que teñen capacidade para elo, xa teñen que contar coa súa responsabilidade para, da man dos Servizos de Prevención de Riscos Laborais, redactar uns protocolos de como facer os traballos da vendima diminuíndo o risco de transmisión da enfermidade.
Pero que pasa coa maioría das explotacións do noso rural? Esas que vendiman para o autoconsumo, ou que teñen o cultivo da vide como un complemento económico. Esas, cuantitativamente, van a mobilizar un maior número de persoas que as outras. E que capacidade teñen, para máis aló do “sentidiño”, para saber como teñen que facer os traballos de xeito máis seguro?
Por iso desde a FRUGA demandamos do Presidente Feijóo, xa que os seus Conselleiros non o parecen ter asumido, que se elabore un catálogo de medidas preventivas e protocolos de actuación fronte ao COVID19 para os distintos traballos e actividades dos sectores agropecuario e forestal, que veña a servir de guía e marco de referencia para as pequenas explotacións, persoas autónomas e pequenas empresas de servizos que teñen a súa actividade nestes sectores.