A venda directa de produtos agroalimentares de proximidade ameazada na Praza de Abastos de Santiago de Compostela.

A Fruga demanda tanto do goberno municipal como da xerencia da Praza de Abastos solucións para poder seguir exercendo esta actividade produtiva e mercantil sem prexuízos para a economía das persoas que acoden a este mercado.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2020. Este pasado sábado ven de acontecer un feito grave na Praza de Abastos de Santiago de Compostela. Parece ser que, como consecuencia dunha normativa elaborada polo concello de Santiago para evitar a transmisión do virus da COVID-19, unha parte importante das persoas que acoden a ese mercado a vender os seus produtos, fundamentalmente de horta, mas tamén queixos ou ovos, entre outros, tiveron de voltar para as súas casa sen os poder vender

Desde a Federación Rural Galega- FRUGA queremos pór de manifesto o noso total desacordo co proceder da xerencia da Praza de Abastos. En primeiro lugar queremos criticar o feito de a comunicación de non poder asistir ao mercado fora feita o día anterior sen marxe de tempo suficiente, xa que a maior parte dos produtos de horta recóllense a primeira hora da mañá do dia previo a súa venda, co que a maior parte dos produtos xa se encontraban recollidos cando se recibiu o aviso, mesmo nalgúns casos nen o aviso se recibiu por dificultades de comunicación. Tanto a xente que recibiu a comunicación como a que non, ao final, viuse obrigada a tirar os seus produtos.

Outro aspecto criticábel ten a ver co criterio seguido pola xerente para determinar quen puido e quen non vender os seus produtos no mercado ao ar libre da Praza, sen se preocupar por encontrar solucións, que as hai, para que toda esta xente puidera vender a sua mercadoría, toda ela de proximidade, respectando as distancias de seguranza, xa que nos consta que na Praza de Abastos hai espazos libres que ben podían ser ocupados por estas persoas. En todo caso, desde a Fruga, entendemos que a venda o ar libre non pode representar mais perigos que a venda en espazos pechados, como os supermercados.

Por último é bon lembrar que na maior parte dos casos as persoas que acoden con a súa produción ao mercado ao ar libre da Praza de Abastos de Santiago de Compostela é poboación feminina tendo nesta actividade a sua fonte fundamental de ingresos, e que todos os meses teñen de facer fronte aos gastos derivados de estar dadas de alta na seguranza social como autónomas na actividade agraria, co que o impedimento de vender ocasiónalles graves prexuízos para a sua economía.

Desde a FRUGA reclamamos tanto do grupo de goberno do concello de Santiago de Compostela como da xerencia da Praza de Abastos que se procuren solucións adecuadas para que todas estas persoas podan seguir exercendo a súa actividade produtiva e mercantil, sen prexuízos para a súa economía.