A xerencia da Praza de Abastos impediu este pasado sábado, 5 de setembro, que as labregas que venden as súas producións no entorno do mercado puidesen instalarse para desenvolver a súa actividade comercial. O motivo esgrimido foi a aplicación dunha nova normativa do Concello de Santiago para evitar a transmisión do Covid-19.
Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (FRUGA) rexeitamos este proceder, xa que non existe ningún estudo que avale a suposición de que os postos de venda directa na Praza de Abastos de Compostela contribúan en maior medida á expansión do coronavirus que outras formas de comercio coma os postos fixos ou os supermercados, por exemplo, que si continúan abertos.
É máis, dende o SLG e a FRUGA queremos lembrar que a venda ao aire libre é máis segura no actual contexto de pandemia que a realizada en ambientes pechados. Ademais, existe un protocolo sanitario creado pola Consellaría de Medio Rural para esta modalidade de comercialización que se aprobou para poder desenvolvela en pleno estado de alarma con totais garantías sanitarias.
Cómpre lembrar, ademais, que nos atopamos nunha das épocas de maior produción en sectores como o da horta e o da froita, que son os que fornecen principalmente estes postos de venda, e que estes alimentos son especialmente perecedoiros, polo que se non se dan vendido nun curto período acabaranse perdendo. Desta maneira, o impacto económico negativo que están a sofrer pola prohibición está a ser moito maior que se fose noutra época do ano.
Dende o SLG e a FRUGA, instamos á xerencia da Praza de Abastos de Compostela e ao Concello de Santiago a desenvolver os protocolos necesarios para que os labregos e labregas que venden directamente as súas producións nesta área comercial poidan volver facelo con totais garantías e sen excluír ninguén. Para iso, imos solicitar unha entrevista cos responsábeis municipais de cara a buscar solucións que garantan os dereitos dos labregos e labregas que venden na Praza de Abastos sen menoscabo da seguridade sanitaria do entorno. A maiores, convocamos unha asemblea aberta na Praza de Abastos para o vindeiro xoves, 17 de setembro, para informar ás persoas afectadas e tratar de buscar solucións entre todas.