Reunión entre a Xunta Directiva da FRUGA e a Executiva Nacional do BNG

O pasado día 20 tivo lugar no Parlamento da Galiza unha reunión de unha delegación da Xunta Directiva da FRUGA encabezada polo seu Presidente, Xurxo Álvarez viticultor no concello de Cenlle, e unha delegación da Executiva Nacional do BNG encabezada pola súa Portavoz Nacional, Ana Pontón.

Da delegación da FRUGA facían parte, ademais do seu Presidente, Hugo Martínez, gandeiro de Tomiño, Marco Antonio Reboredo coordinador das políticas para o monte e o medio ambiente, Roberto Rivas viticultor de Barro e Presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV), e Manuel da Cal, coordinador da Fruga.

Por parte da Executiva Nacional do BNG, ademais da súa Portavoz estiveron presentes Xosé Luís Rivas “Mini” deputado pola circunscrición da Coruña e portavoz de agricultura e pecuaria, Carmen Aira deputada pola circunscrición de Lugo, portavoz de desenvolvemento rural e PAC, e María González deputada pola circunscrición de Ourense, portavoz das áreas de montes e viticultura.

Ao longo da xornada de traballo compartíronse puntos de vista sobre a grave situación que atravesa o rural galego, así como os distintos sectores produtivos. Entre os asuntos tratados estivo todo o relacionado co abandono do rural e o despoboamento, e as súas consecuencias mais evidentes como son os grandes incendios ou a fauna silvestre, así como a falta dos servizos básicos como sanidade, educación, servizos sociais ou transporte. Tamén se falou o que ten relación cos mercados de proximidade e a súa falta de regulación por parte do goberno galego o que provoca incerteza entre produtores e produtoras. Abordouse o problema dos prezos agropecuarios que non chegan para cubrir os custes de produción, tanto no leite, como no vacún de carne, no viño ou nas patacas, por citar soamente algún dos sectores mais destacados do noso País, e a falta de interlocución coa administración galega ao desmontar as distintas mesas que viñan funcionando até a volta do PP ao goberno galego, situación que se agrava pola falta do cerre dos ciclos produtivos na Galiza, sendo o exemplo mais destacado a situación do sector lácteo no que mais do 80% do leite producido na Galiza está en maos foráneas, mas algo parecido pasa coa produción de madeira. Desde logo que non pasou desapercibida reforma da nova Política Agraria Común (PAC) para o novo período 2021-2027, que segundo todos os indicios parece que todo vai seguir igual cobrando o 80 por cento das axuda soamente o 20 por cento dos e das preceptores, grandes terratenentes absentistas.

Tamén foi obxecto desta reunión a formalización das relacións entre as dúas organizacións, recoñecéndose ambas como interlocutoras no seu ámbito de actuación, no sentido de profundar na interlocución comprometéndose a manter un diálogo fluído co fin de transmitir as necesidades que o sector ten.