Plan estratéxico sector lácteo. Campaña de propaganda da Xunta de Galiza

FRUGA asistiu convidada pola Consellería do Medio Rural a presentación do plan estratéxico do sector lácteo galego 2020-2025. A presentación realizada de forma telemática, serviu para que o Presidente da Xunta e mais o Conselleiro do medio rural explicaran as liñas mestras a seguir durante os próximos 5 anos.

Nos últimos anos asistimos a numerosas actuacións propagandísticas deste estilo, sen que se produciran melloras nas explotacións lácteas galegas. Como moi ben se dixo no día de onte, somos a primeira potencia láctea do Estado, producimos en torno o 40% do total do leite, estamos entre as 10 primeiras rexións produtoras da UE, e representamos case o 60% das explotacións. Pero o mesmo tempo a día de hoxe seguimos a cobrar os prezos mais baixos de todo o Estado español, práctica que xa se ven repetindo o longo dos últimos anos.

Igualmente se segue a falar do baixo porcentaxe de produción láctea que se transforma en Galiza, concretamente o 51% do total producido, sendo a maior parte transformado por industria foráneas, e agora por parte da Xunta intentase chegar até o 75%, mas non se sabe de que maneira e con quen.

Dende o noso punto de vista houbo un grande fracaso en certos proxectos que se puxeron en marcha a nivel transformador, como foi o caso de Alimentos Lácteos, algo que deberían servir para que non se volveran a repetir en Galiza experimentos deste tipo. Parécenos que a industrialización da produción láctea galega é clave para o que resulta imprescindíbel contar com un grupo industrial propia, pero sempre e cando se faga con proxectos baseados na propia realidade galega, adaptadas os propios mercados, como pasou noutros puntos do Estado, Asturias, Andalucia, Euskadi, Cataluña….

A día de hoxe, é preciso conseguir uns prezos dignos, que sirvan para cubrir dignamente os custes de produción. Para o que se precisa dunhas relacións interprofesionais xustas. A Mesa do Leite, sería un instrumento clave para levar adiante toda unha serie de melloras tanto no que respecta as ganderías lácteas galegas, intentado que non sexan vítimas dos abusos dos diversos axentes da cadea alimentar, tanto industrias como distribución.

Desde FRUGA, creemos que o importante pasa por poñer en marcha boa parte das promesa que no dia de onte saíran da boca do Conselleiro e do Presidente da Xunta. Xa estamos un pouco fartos e fartas de ver como se firmaron diversos acordos lácteos, que ao final non serviran para nada, como exemplo o asinado no ano 2015 na INLAC. Parece mentira, mas nestes momentos continuamos a ter os mesmo problemas. Si realmente a Xunta quere favorecer o sector lácteo galego o que ten que facer é deseñar medidas políticas que favorezan uns prezos dignos para os nosos gandeiros e gandeiras, e ao mesmo tempo mellorar as estruturas agrarias do noso rural, con menos forestación de terras agrarias e mais produción forraxeira, que sirva para abaratar custes.