PP e PSOE opóñense a que se celebren eleccións no agro galego. As últimas tiveran lugar en 2002

Desde a FRUGA levamos anos demandando a celebración de eleccións para solucionar a situación anómala na que se encontran as organizacións agrarias no Consello Agrario Galego.

Cenlle, 7 de decembro de 2020. O pasado día 4 o BNG reclamou no Parlamento galego a convocatoria de eleccións no agro galego co fin de coñecer a representatividade das organizacións agrarias actuantes na Galiza, obtendo como resposta o voto negativo tanto do PP como do PSOE.

No ano 2002 celebráronse eleccións a Cámaras Agrarias provinciais, as últimas. Posteriormente en 2006 constitúese o Consello Agrario Galego como órgano participativo e consultivo da Consellería do Medio Rural coa presencia, a partes iguais, das tres organizacións agrarias que obtiveran representación nas eleccións de 2002, isto é; Xóvenes Agricultores (XXAA), Unións Agrarias (UUAA) e Sindicato Labrego Galego (SLG).

Despois de transcorridos mais de 18 anos a realidade ten mudado, e moito, tanto no mundo rural como nas organizacións agrarias. De feito Xóvenes Agricultores, unha das organizacións que facía parte do Consello Agrario, desapareceu. Neste momento o goberno galego está incumprindo a lei 1/2006 do Consello Agrario Galego no que ten a ver co artigo 4 referido á composición, xa que das doce persoas en representación das organizacións agrarias soamente están presentes oito, como consecuencia da desaparición de unha das organizacións que tiñan presencia no mesmo.

Chegados a este punto desde a FRUGA preguntámonos se tanto o PP como o PSOE non consideran as eleccións democráticas como o mellor método para medir a representatividade das organizacións agrarias. A súa postura contraria a que se celebren eleccións, que nisto era no que consistía a proposición non de lei do BNG, quere dicir que están en contra de que a democracia chegue ao agro galego. Cales son os seus temores?

Desde a FRUGA parabenizamos ao BNG pola presentación da sua proposición no de lei solicitando que o Parlamento galego inste á Xunta de Galiza a convocar eleccións profesionais no campo galego para corrixir a situación anómala actual no Consello Agrario Galego no que respecta á representatividade das mesmas.

Pola nosa parte seguiremos reiterando, como xa fixemos en anteriores lexislaturas reuníndonos cos distintos grupos parlamentares e mesmo chegándonos a entrevistar con distintos conselleiros, a necesidade de que se celebren eleccións que sirvan para determinar a representatividade de cada unha das organizacións agrarias presentes e actuantes no campo galego. En definitiva estamos a pedir que a democracia chegue tamén ao ámbito das persoas que desenvolvemos a nosa actividade profesional no sector agropecuario, tal como figura nos textos aprobados na nosa terceira asemblea nacional celebrada en Lugo o pasado 1 de febreiro.