A proposición de lei do PP non é democrática, favorece a privatización, a especulación e a forestación da terra agraria, ademais de ser un brinde ao sol ao carecer dunha memoria económica.
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2021. O PP opta por presentar esta proposta de Lei a trabes do seu grupo parlamentar e non como goberno, o que fai pensar que o señor conselleiro se quere agochar tras do grupo co fin de furtar o debate social. De ser presentada polo goberno estaría obrigada a pasar polo trámite de consulta do Consello Económico e Social da Galiza (CES Galiza) e do Consello Consultivo. Ao obviar este procedemento, está-se a evitar que os órganos de participación social emitan o seu correspondente ditame, o que, por outra parte, implica acrecentar o período de debate ao precisar estes organismos de tempo para análise, debate e elaboración da proposta de informe.
No que tem a ver co articulado, a presencia dos axentes sociais fica estabelecida no artigo 13 da comisión técnica de prezos e valores, limitando-a a uma vogalía a proposta das asociacións de cooperativas e outra a proposta das organizacións profesionais agrarias presentes no Consello Agrario da Galiza. Neste caso sobra dicir que este organismo, na sua composición actual, non é representativo da realidade do sector agropecuario galego e mesmamente non cumpre as condicións que determina a lei da súa creación. Desta comisión técnica tamén fican excluídas, as organizacións ambientais, de custodia do territorio ou do monte comunal, entre outras.
Por outra parte, a Sección 3ª crea o Consello de xestión da terra agro-forestal, no que soamente están presentes organismos da administración. Órgano sobre o que recae todo o peso de controlo mediante a análise das normativas sectoriais de afectación, a elaboración de informes e mesmo criar um Observatorio de mobilidade de terras da Galiza, onde as organizacións sociais estamos totalmente ausentes.
As escuras ou perversas intencións do PP poñen-se de manifesto ao pretender que entidades privadas veñan a ocupar e mesmo substituír á administración galega nas súas funcións. A orientación privatizadora desta proposta fica moi evidente cando se especifican as funcións que se lle queren outorgar ás entidades colaboradoras da AGADER. Alén do distinto tratamento que se lle dá aos polígonos agro-forestais públicos fronte aos de iniciativa privada. Aos primeiros aplica-se-lle unha normativa estrita, mediante un procedemento mais complexo e garantista que aos segundos. Resulta curioso que no caso dos polígonos agro-forestais públicos figure un artigo específico para evitar o acaparamento, en tanto esta referencia desaparece cando se fala dos polígonos privados.
A verdadeira finalidade que persegue esta lei é facilitar o aceso á superficie de terra abandonada ou sen propiedade perfectamente identificada, situación que co paso dos anos será mais relevante, aos sectores especulativos para poder implantar os seus proxectos empresariais en prexuízo das maiorías sociais, sen ter de se enfrontar a actual fragmentación da propiedade que non a fai atractiva para estes sectores.
Por outra parte esta proposta non ten como obxectivo prioritario facer fronte á escasa superficie agraria útil (SAU) das explotacións agropecuarias galegas, das mais baixas da UE. Neste sentido entende-se que se fale de recuperación e non de mobilización, porque o fundamental é recuperar as terras agro-forestais de titularidade descoñecida co fin de favorecer todas as producións, mas fundamentalmente a forestal. Así se entende que non persiga dotar, preferentemente, ao Banco de Terras coas leiras de propietarios/as coñecidas mas que as manteñen en manifesto estado de abandono, e polo tanto a recuperación e protección da superficie agraria útil susceptíbel de ser aproveitada desde o punto agropecuario. Ademais de rebaixar o concepto de leira infrautilizada, desta arte se unha leira con especies arbóreas se encontrar no medio dunha zona de aproveitamento agropecuario non tería esta cualificación, algo inaudito, se non fora que o que se lle quere é dar cobertura legal á forestación da terra agraria.
Alén de que unha proposición de lei desta envergadura non se entender sen vir acompañada pola correspondente memoria económica, porque de non se dotar do suficiente e necesario orzamento non se entende como se van levar a cabo tal cantidade de medidas como as que figuran na mesma, como por exemplo crear un Observatorio de mobilidade da terra da Galiza, un Sistema de información de terras da Galiza (Sitegal), todas as competencias encomendadas a AGADER, dotar de persoal e medios ao Banco de Terras da Galiza, ao igual que ao proposto Banco de Explotacións, ou os Instrumentos de ordenación e Instrumentos de planificación.